Oficina CEER
 30-08-2012
UN CURSO DA USC ANALIZA OS CAMBIOS PRODUCIDOS NA SERRA DO COUREL COMO CONSECUENCIA DO ABANDONO DOS USOS TRADICIONAIS

A actividade forma parte da oferta da Universidade de Verán 2012 e desenvolverase entre o 4 e o 6 de setembro na Estación Científica do Courel.

O curso de verán A dinámica da biodiversidade: análise dos cambios consecuencia do abandono de usos tradicionais desenvolverase entre os días 4 e 6 de setembro na Estación Científica da USC na localidade de Seoane do Courel e está dirixido polo catedrático de Botánica e director desta estación, Javier Guitián.

O martes 4 a xornada comeza cun relatorio sobre a xeomorfoloxía e a vexetación do Courel, a cargo do catedrático de Xeografía da USC Augusto Pérez-Alberti. A continuación Luís Guitián, profesor de Xeografía da USC, intervirá para falar sobre a relación entre a actividade agrícola e a vexetación da zona. A sesión de mañá complétase cunha charla sobre as unidades de vexetación específicas desta área por parte de Javier Guitián, director do curso. Pola tarde, o propio Javier Guitián coordinará unha actividade de campo para o recoñecemento destas unidades de vexetación.

A xornada de mañá do día 5 estará dedicada á elaboración da base cartográfica mediante ferramentas informáticas na Estación Científica do Courel, sesión dirixida por Augusto Perez-Alberti e Luís Guitián Rivera; a actividade completarase pola tarde cun traballo de campo por grupos para a asignación das unidades de vexetación ás unidades cartografadas.

Os mesmo profesores coordinarán a actividade do día 6, que consistirá na elaboración do mapa definitivo de cada territorio analizado na Estación Científica do Courel. O curso rematará coa presentación dos resultados e un debate posterior entre todos os asistentes.

Fonte: xornal.usc.es