Oficina CEER
 31-08-2012
A UDC, NO POSTO 16 DO RÁNKING DE UNIVERSIDADES EN ESPAÑA

A Universidade da Coruña decimosexta no Ránking Web de Universidades de España.

A Universidade da Coruña ocupa o posto número 16 no Ránking Web de Universidades de España, e o 315 na listaxe mundial, segundo un informe que acaban de facer público en http://www.webometrics.info/es. Este ránking clasifica as institucións de ensino superior de todo o mundo de acordo coas prestacións académicas e de investigación, prestixio e visibilidade internacional e compromiso coas políticas de acceso aberto.

O informe amosa resultados para catro indicadores: Presenza, que mide o volume de información publicada na web; Impacto, construído a partir dos enlaces recibidos de terceiros; Apertura, que conta o número de documentos que se ofrecen en aberto e Excelencia, que inclúe os artigos de calidade situados entre o 10% máis citado de cada especialidade, segundo explican desde o Laboratorio de Cibermetría, responsable do estudo e dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas de España. Nesta decimocuarta edición do Ránking modificáronse algúns dos indicadores para aumentar a utilidade do informe e reflectir de forma máis fidedigna os esforzos e resultados recentes e especialmente a busca da excelencia. Estas características, explican desde o Laboratorio, e o feito de realizarse por un grupo investigador sen ánimo de lucro distinguen este Ránking doutros que valoran prestixio pasado (premios Nobel concedidos hai máis dun século), misións sesgadas (investigación en biomedicina en detrimento doutras disciplinas) ou sucumben a intereses comerciais e políticos (sospeitosa sobrerrepresentación de países da Commonwealth nos ránkings editados por empresas británicas).

Os resultados globais amosan un gran dominio das universidades estadounidenses, con Harvard, MIT, Stanford e Berkeley en cabeza. A primeira doutro país é Sao Paulo (15) que despraza a Cambrigde (20). A primeira universidade hispanofalante é a UNAM de México (41), por diante da Complutense de Madrid (81). A Autónoma de Barcelona e a Politécnica de Catalunya aparecen tamén entre as cen primeiras.

Ademais do Ránking de Universidades, o portal dá acceso ao Ránking de centros de investigación (8.000), Hospitais (16.000), Escolas de Negocio (1.500) e Repositorios (1.600). Entre os centros de investigación, o CSIC ocupa o undécimo lugar mundial nunha listaxe encabezada pola Axencia Estadounidense da Saúde (NIH) e a NASA.

Fonte: udc.es