Oficina CEER
 05-11-2007
Investigadores das Universidades de Santiago e Vigo descifraron o mapa xenético do rodaballo

O grupo de Investigación ACUIGEN (Xenética para a Acuicultura e a Conservación dos Recursos) da Universidade de Santiago acaba de publicar na revista internacional sobre xenética Genetics o primeiro mapa xenético da acuicultura española, neste caso do rodaballo. Este proxecto que contou cunha subvención de 360.000 euros por parte da Dirección Xeral de I+D+i da Xunta de Galicia, foi liderado por ACUIGEN e desenvolvido na súa totalidade por investigadores galegos. Nel colaboraron grupos de investigación das Universidades de Vigo e Santiago e do Instituto Oceanográfico de Vigo.

O mapa xenético do rodaballo é o primeiro que se logra construír na acuicultura española a través dun proxecto desenvolvido integramente por investigadores galegos das universidades de Santiago e Vigo. O mapa xenético é unha ferramenta fundamental para o rastrexo do xenoma, para a busca de xenes ou rexións xenómicas relacionadas con carácteres produtivos. A identificación destes xenes ou rexións xenómicas será de grande utilidade para o desenvolvemento de plans de selección para incrementar a taxa de crecemento e conseguir reprodutores resistentes a patoloxías, dous dos aspectos de maior interese para a mellora do cultivo desta especie.

Para a realización destas investigacións foi preciso o traballo de grupos especializados en xenética molecular, bioinformática e cartografía xenética. O estudo, que durou máis de 2 anos, supuxo a construción de sete librarías xenéticas enriquecidas en marcadores microsatélites, que son os que se empregan para conseguir unha maior resolución na aplicación do mapa. Analizáronse seis mil secuencias das que se conseguiron 356 marcadores, dos que 251 foron finalmente incluídos no mapa. Para as investigacións foron empregadas familias de referencia subministradas polo Instituto Oceanográfico de Vigo e empresas do sector.

Neste estudo coordinado polo grupo ACUIGEN, dirixido polo profesor Paulino Martínez, tamén participaron o grupo de Matemática Aplicada da USC que dirixe José Antonio Álvarez de Dios, Rosa María Cal do Instituto Oceanográfico de Vigo, os grupos de Xenética da Universidade de Vigo, dirixidos por Andrés San Juan e Pablo Presa, e varias empresas do sector baixo a coordinación do Clúster da Acuicultura.

O mapa xenético do rodaballo foi subvencionado por un proxecto coordinado do programa de recursos mariños da Xunta de Galicia, organismo que lle acaba de conceder a participación nun novo proxecto para a identificación de rexións xenómicas de resistencia a patoloxías. Igualmente o grupo ACUIGEN participa liderando a área de xenética nun proxecto ‘Consolider-Ingenio’, dotado con 5 millóns de euros e no que interveñen os principais grupos da Acuicultura Española para mellorar a través da selección xenética o cultivo de rodaballo, lubina e dourada.

ACUIGEN

O grupo de Xenética para a Acuicultura e a Conservación dos Recursos xurdiu en 1989 no Departamento de Xenética da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo e conta na actualidade cun total de 20 membros entre profesores, doutores, investigadores, bolseiros e técnicos. Parte do persoal está contratado con cargo a proxectos e contratos con empresas, e forman parte do grupo dous contratos postdoutorais Parga Pondal.

O grupo ACUIGEN dirixe as súas investigacións cara á análise molecular e citoxénica dos xenomas dos peixes, a xenética de poboacións e evolución en peixes e a aplicación de marcadores moleculares en programas de mellora xenética. Ademais o grupo ofrece importantes servizos ao sector da acuicultura como as análises xenéticas para a xestión dos recursos en especies piscícolas, a asignación de paternidades e identificación xenética en animais de produción animal e acuícola, a trazabilidade xenealóxica e alimentaria, entre outros.