Presentación Semana da Ciencia: Museo Virtual
Oficina CEER
 12-11-2007
A Fundación CEER presentou un avance dos resultados do proxecto europeo ‘Campus en Rede’ para facilitar o acceso virtual aos recursos museísticos universitarios

A Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER) participa no desenvolvemento da Semana da Ciencia en Galicia coa instalación dun stand na Facultade de Xeografía e Historia dotado de ordenadores que poderán utilizar os visitantes para coñecer a web e as potencialidades da ferramenta dixital do museo virtual universitario da Fundación CEER.

Á presentación deste proxecto asistiron o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto; o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Salustiano Mato; o director da Fundación CEER, Carlos Ferrás; e a decana do centro, Mar Llinares.

O acceso aos contidos desta actividade poderá realizarse dende o stand emprazado no Claustro da Facultade de Xeografía e Historia, onde os visitantes poderán adentrarse nas fichas de numerosos recursos museísticos das seis universidades públicas de Galicia e o norte de Portugal. Trátase dunha actividade organizada pola Fundación CEER e financiada pola Consellaría de Innovación e Industria.

A Fundación CEER traballa na actualidade, a través do proxecto europeo ‘Campus en Rede’, no deseño e desenvolvemento dun Museo Virtual Universitario onde se aglutinarán recursos de historia natural e patrimonio cultural e científico universitario que van dende a arquitectura, pintura, libros, escultura ou louza ata contidos zoolóxicos ou botánicos, entre outros.

Máis información sobre a Semana da Ciencia: http://www.conselleriaiei.org/ga/dxidi/index.php