Oficina CEER
 14-11-2007
Sae á luz o primeiro número da revista científica da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal

A Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), conformada polas seis universidades públicas de Galicia e o Norte de Portugal, presentou este martes no Colexio de Fonseca o primeiro número da súa revista científica Estudos Eurorrexionais, editada dentro do proxecto europeo Interreg IIIA Galicia-Norte de Portugal.

O acto estivo presidido polo reitor Senén Barro e contou ademais coa presenza do vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández; o director da revista e pro-reitor da Universidade de Trás-os Montes e Alto Douro (Portugal), Pedro Melo; o director da propia Fundación, Carlos Ferrás; e o secretario da publicación e profesor da Universidade da Coruña, Félix Blázquez.

A revista é froito do traballo conxunto dun consello editorial conformado por profesores das Universidades da Coruña e Tras-os-Montes e Alto Douro, e dun consello científico no que participa un elenco de destacados membros da comunidade científica das universidades públicas de Galicia e do norte de Portugal, ademais de prestixiosas personalidades académicas internacionais.

A publicación nace coa finalidade de encauzar e estimular a produción científica centrada na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, servindo como instrumento de transmisión de información e documentación a todos os membros da súa comunidade universitaria, tanto profesores como investigadores, estudantes e demais persoal relacionado. Desenvolvemento Rural e Urbano, Novas Tecnoloxías e Cultura e Idioma son as tres grandes áreas temáticas da revista que, non obstante, incluirá números monográficos sempre baixo un cariz científico.

Ausencia de publicacións eurorrexionais O obxectivo principal da revista, como se explica no editorial, é “suplir a ausencia” dunha publicación regular que permita a análise das dinámicas rexionais, “a súa complexidade e as causas das tensións que xorden delas”, baixo un contexto actual no que as fronteiras en Europa van gañando importancia, “quizais máis polos seus colectivos sociais que pola súa xeografía”. Para os seus responsables, este capital de coñecemento “debúxase como indispensable na construción dunha Europa coherente e supón un privilexio abordar de maneira multidisciplinar temas económicos, políticos, sociolóxicos, xeográficos e culturais no ámbito rexional e eurorrexional”.