Oficina CEER
 03-01-2013
O PASADO ANO FOI UN DOS MÁIS SECOS DOS ÚLTIMOS 30 ANOS EN COMPOSTELA

O Observatorio Astronómico da USC acaba de facer público o seu resumo meteorolóxico anual da cidade.

O ano que acaba de rematar atópase entre os máis secos dos últimos 30 anos xa que, a pesar de que o outono foi unha estación chuviosa en Compostela, os 1.494,6 l/m2 de chuvia medidos ao longo de todo o ano están claramente por baixo da media dos últimos 30 anos (1.794,8 l/m2). De feito, sinala o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, 2012 resultou ser o sexto ano máis seco dende 1982.

Foron 198 xornadas nas que nalgún momento do día chegou a chover, aínda que en 24 días a precipitación se considera inapreciable, con rexistros inferiores a 0,1 litros/m2. Así, a porcentaxe de días con choiva resultou ser do 54,1%, ou do 47,54% se se prescinden dos días con rexistro inapreciable. Os datos atópanse na media de Compostela con preto do 50 % dos días con precipitación.

O réxime de precipitacións transcorreu en períodos de tres meses, alternativamente secos e chuviosos. Así, no período xaneiro-febreiro-marzo tan só se rexistraron 95,7 l/m2, e no trimestre de xullo a setembro un total de 153,4 l/m2. Entre abril, maio e xuño a cantidade recollida ascendeu a 486,3 l/m2 e entre outubro e decembro, a 759,2 l/m2.

O día máis chuvioso.
O día máis chuvioso foi o 13 de decembro con 79,3 l/m2, seguido de lonxe do 17 de outubro con 47,4 l/m2. Decembro foi o mes con máis choiva, 312,3 l/m2 nun total de 27 días, seguido de novembro con 243,4 l/m2 en 23 xornadas. Pola contra, en febreiro rexistráronse pouco máis de 6 l/m2.

En 2012, en xuño choveu moito máis da media neste mes, 139,3 l/m2, con xornadas moi chuviosas nos días 6, 15 e 17. En agosto se recolleron 51,6 l/m2, ao longo de 13 días con precipitación, e en Xullo, a chuvia fixo aparición en 12 días, os cales se concentraron como xa é habitual no comezo deste mes, sinala o Observatorio Astronómico da USC.

Non nevou en todo o ano que acaba de terminar e tan só se contabilizaron dous días con tormenta (un en xullo e outro en outubro), así como dous con sarabia (ambos os dous en marzo).

Aínda que o Observatorio Astronómico Ramón María Aller dispón de dous pluviómetros, un deles automático e outro manual, todos os datos presentados corresponden a este último, que é o máis exacto, xa que o pluviómetro automático mide aproximadamente un 30% menos. Neste senso, o director do Observatorio compostelán José Ángel Docobo considera “preocupante que os pluviómetros manuais vaian desaparecendo debido á servidume que supón atendelos todos os días”.

35º de temperatura máxima.
A temperatura máxima do ano rexistrouse o 26 de xuño, cando o mercurio alcanzou os 35º7. Como curiosidade, o Observatorio da USC sinala que en 2011 a temperatura máxima tamén tivera lugar neste mes. Ademais desta xornada, noutros doce días a temperatura superou tamén os 30º (tres veces en maio, tres en xullo e en setembro, dous en agosto e outra en xuño). Así mesmo, o termómetro estivo por riba dos 25º nun total de 43 días. A noite máis calorosa do ano foi a do 26 ao 27 de xuño, cando os termómetros non baixaron dos 22º9.

Pola contra, a máxima máis baixa produciuse o 2 de febreiro, xa que o termómetro non pasou de 7º4. Ao longo de 2012 tan só se rexistraron temperaturas negativas en seis días, dous en xaneiro e catro en febreiro, sendo a mínima absoluta os -1º6 do día 4 de febreiro. A vaga de frío deste último mes ficou reflectida nos seis días nos que a máxima non pasou dos 10º.

Superando rexistros de insolación.
Os heliógrafos do Observatorio Astronómico universitario mediron un total de 2.180 horas e 9 minutos de insolación, cifra que representa un 50 % das posibles horas de Sol ao longo do ano, superando a media do 46,3 % en Santiago. O mes máis soleado do ano foi marzo, con 261 horas, seguido de setembro con 252,5 horas. Houbo 37 días sen Sol, pero pola contra o astro rei deixouse ver noutros 106 con máis de nove horas de insolación, e noutros 84 cun rexistro de entre 6 e 9 horas. Con moita diferenza, engade o director do Observatorio, decembro resultou ser o mes máis gris, con 67 horas.

Fonte: http://xornal.usc.es/