Oficina CEER
 04-01-2013
SEIS IDEAS DE INNOVACIÓN E EMPRENDEMENTO CUN BALANCE MÁIS CA POSITIVO

Salustiano Mato,Teresa Pedrosa e Ignacio López-Chaves visitaron as instalacións de INCUVI.

Tras un ano instalados na preincubadora de proxectos empresarias, os inquilinos comezan a levantar voo.

A visita da delegada do Consorcio Zona Franca, Teresa Pedrosa, e do presidente da Autoridade Portuaria, Ignacio López-Chaves, dous dos “socios estratéxicos da Unviersidade de Vigo”, serviu de escusa nestes derradeiros días do 2012 para facer balance do primeiro ano de vida da preincubadora de proxectos empresarias da Universidade de Vigo, unha iniciativa que se puxo en marcha hai apenas un ano e, grazas a cal, algunhas das ideas máis emprendedoras do alumnado da Universidade se converteron xa en realidade empresarial. Acompañados polo reitor, Salustiano Mato, e o vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, José Antonio Vilán, foron os propios emprendedores os que explicaron os detalles dun ano no que experimentaron en primeira persoa as principais vicisitudes de pór en marcha unha idea de negocio. Control domótico, seguridade viaria ou novas tecnoloxías para mellorar a comunicación entre pais e educadores son algunhas das ideas que foron collendo forma ao longo deste primeiro ano de vida de INCUVI.

Á primeira edición dos premios INCUVI-Emprende presentáranse unha vintena de proxectos empresariais concibidos por alumnos e alumnas da Universidade de Vigo e seis foron os elixidos, os gañadores dun galardón que lles abría as portas da pre-incubadora desenvolvida pola Universidade, Cidade Universitaria e Fundación Universidade de Vigo co apoio de institucións como Zona Franca e Autoridade Portuaria, que hoxe visitaron as instalacións, e o impulso de diferentes empresas e entidades privadas. Trátase, a xuízo do reitor vigués, de facer “emprendemento en estado puro”, en referencia a que os inquilinos desta preincubadora “son rapaces que están estudando, rematando as súas carreiras e que xa, desde aí, están facendo o seu modelo de empresa”. En relación a isto, Salustiano Mato subliñou a importancia de apoiar o emprendemento “desde a raíz” e, neste senso, destacou o feito de que todos os participantes nos premios INCUVI-Emprende recibiron ao longo deste ano formación gratuíta dentro do proxecto INCUVI dirixida a facilitarlles “ferramentas que os axuden a desenvolver o seu plan de negocio”.

Atopar financiamento, a principal dificultade.
Tras visitar un por un e cada un dos locais, Teresa Pedrosa, Ignacio López-Chaves e Salustiano Mato, coincidiron en facer un balance que cualificaron como “moi positivo”. Entre os proxectos máis avanzados destacaron a Berce, unha iniciativa impulsada por Rubén Míguez e Víctor Manuel Alonso da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, dirixida a facilitar a comunicación entre familias e educadores de centros de infantil de 0 a 6 anos e que, entre outros galardóns, foi merecedor do Premio Nacional de Emprendemento.

Constituídos xa como empresa e en pleno proceso de mudanza cara unhas instalacións “menos provisionais”, Rubén Míguez explicou como agora o principal problema ao que se enfrontan é a “busca imperiosa de financiamento, algo que non resulta nada doado coa situación económica actual”, subliñou Míguez. Entre os consellos recibidos o reitor subliñoulles a posibilidade de constituírse como spin-off, o que lles facilitaría o acceso a novas entradas de recursos. Nesta liña Teresa Pedrosa subliñoulles tamén que Zona Franca dedicará en 2013 unha parte dos seus recursos a “capital semente”, fondos dirixidos a facilitar a implantación en Vigo e na súa área de influencia deste tipo de iniciativas emprendedoras.

A outros inquilinos este primeiro ano na preincubadora serviulles para xerar unha idea empresarial máis potente e, noutros casos, co que aprenderon cambiaron absolutamente de rumbo, pero, tal como apuntaron os seus ‘padriños’, o importante é que seguen apostando polo autoemprego, “que é o verdadeiro obxectivo de INCUVI”.

Un camiño elixido por apenas un 10% do alumnado vigués Co obxectivo final de situar a Vigo nos primeiros postos a nivel nacional no que a emprendedorismo universitario se refire, a meta está aínda moi lonxe “xa que aínda que estamos por riba da media os datos son moi baixos”, subliñou Mato, que destacou que o desexable sería que a metade dos universitarios quixese ser emprendedor, “pese a que, lamentablemente, en España, esta cifra sitúase nun escaso 5% e, no noso caso, apenas superamos o 10%”.

En relación a necesidade de xerar cultura de emprendemento entre o alumnado vigués, destacouse a necesidade de impulsar este espírito non só entre o estudantado dos ámbitos tecnolóxico e científico, senón tamén no eido xurídico social e nas humanidades, así como a conveniencia de que fío de relación con estes emprendedores permaneza no tempo, “falo da importancia do denominado mentoring”, subliñou Salustiano Mato, en relación a que “eles se sentan arroupados pola marca Universidade de Vigo e que nos poidamos fidelizar a relación cos nosos egresados que crean as súas propias ideas de negocio”.

Fonte: duvi.uvigo.es