Oficina CEER
 09-01-2013
INVESTIGADORAS DA UDC ORGANIZAN UNHA MOSTRA BILINGÜE SOBRE ASTRONOMÍA

O Centro Sociocultural Novacaixagalicia acollerá desde onte martes, 8 de xaneiro, ata o día 26 deste mes a exposición bilingüe titulada "Astronomers to be discovered: A Journey to the History of Science - Astrónomos por descubrir: Unha viaxe á historia da ciencia”, organizada polas profesoras Begoña Crespo e Isabel Moskowich, pertencentes ao grupo de investigación Muste, do departamento de Filoloxía Inglesa da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña.

A través desta mostra, o Muste achega ao público a disciplina da astronomía cunha colección que recolle parte deste coñecemento científico desde o punto de vista de diversos autores anglófonos dos séculos XVIII e XIX. A exposición, que se verá complementada con visitas guiadas os días 17 e 24 de xaneiro a partir das 19:00 horas, ten como obxectivo a promoción de dúas linguas dentro dun marco bilingüe galego-inglés polo que xa veñen apostando moitos dos centros educativos da comunidade. Ao mesmo tempo, apoiarase a accesibilidade tanto á lingua como á cultura inglesas, así como á disciplina da astronomía. Desde o establecemento da ciencia moderna no século XVII á fin do século XIX, produciuse unha evolución nos obxectivos ou obxectos de estudo da astronomía: desde o estudo do movemento do sol á descrición química das estrelas. Unha evolución que quedará reflectida nesta mostra.

Fonte: udc.es