Oficina CEER
 14-01-2013
INVESTIGADORES DA USC RECOMPILAN NUN LIBRO DO CCG A INFORMACIÓN CIENTÍFICA XERADA POLA MAREA NEGRA DO PRESTIGE

Os docentes e investigadores da Universidade de Santiago Victoriano Urgorri e Marcos Pérez Señarís coordinaron o libro Recursos en I+D+i dedicados ao estudo dos efectos da vertedura do Prestige (2003-2008). Avaliación e xuízo crítico que edita o Consello da Cultura Galega.

Publicado na colección ‘Documentos e informes’, a publicación recompila a meirande parte da información científica xerada sobre a marea negra do "Prestige". Na presentación do estudo, Urgorri lembrou que o afastamento do barco da costa e o seu periplo errático de norte a sur "desataron o peor dos escenarios posibles, ao estenderen a marea a Galicia, costa cantábrica, Portugal e Francia". Pola súa banda, o vicepresidente da institución e coordinador da Sección de "Ciencia, Natureza e Sociedade", Francisco Díaz-Fierros, anunciou para a volta dun ano a preparación dun resumo divulgativo deste "valioso traballo" dirixido inicialmente á comunidade científica.

Francisco Díaz-Fierros salientou a importancia de reunir con éxito a maioría dos proxectos implicados nas investigacións derivadas da catástrofe do Prestige, "algo que non ten precedentes na historia da investigación científica galega e que debería inaugurar un novo xeito de avaliar os recursos dedicados a I+D+i neste país".

Pola súa banda, Victoriano Urgorri salientou o dobre obxectivo da publicación, "transmitir á sociedade o enorme esforzo investigador realizado principalmente pola comunidade científica galega e elaborar un documento de resumo que poida ser útil cando, desgraciadamente, volva a terse outra marea negra en Galicia".

A obra ofrece unha síntese de cada proxecto coas conclusións e resultados máis salientables e a produción científica xerada, "que deberían permitir afrontar con moito maior coñecemento a próxima marea negra". "No entanto, sostivo, é absolutamente perentorio, e iso escapa á competencia da comunidade científica, que as autoridades responsables de xestionala asimilen e apliquen o coñecemento adquirido para que o país estea preparado da mellor maneira posible no momento en que se produza unha nova vertedura de hidrocarburos nas nosas costas", dixo.

O libro incorpora un CD no que se inclúen ademais, en formato pdf, traballos e estudos inéditos realizados sobre o tema e achegados polos investigadores principais: informes, teses de licenciatura, traballos de investigación tutelados, proxectos de fin de carreira, etc. Contén tamén teses de doutoramento, informes publicados na rede e artigos das cinco revistas científicas que o autorizaron.

Fonte: xornal.usc.es