Oficina CEER
 15-01-2013
A RESPOSTA MUSCULAR DOS FUTBOLISTAS PROFESIONAIS DEPENDE DA SÚA POSICIÓN NO TERREO DE XOGO

Así o revela un estudo realizado por investigadores de CC da Actividade Física e do Deporte.

Analizaron diferentes parámetros en 78 futbolistas da primeira división española.

O desgaste físico do futbolista depende da súa posición no terreo de xogo xa que, entre outros aspectos, este desgaste está directamente relacionado coa súa resposta muscular e esta depende da súa posición no campo. Son parte das conclusións dun estudo realizado polos investigadores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Ezequiel Rey, Carlos Lago-Peñas e Joaquín Lago Ballesteros, un traballo que os levou a analizar diferentes parámetros de resposta muscular en 78 futbolistas da primeira división española que levaban entre catro e quince anos dedicándose profesionalmente a este deporte.

Os resultados do estudo, publicados xa na revista Journal of Electromyography and Kinesiology, amosan que un dos músculos extensores do xeonllo –o recto femoral, pertencente ao cuadríceps- ten diferentes tempos de contracción e relaxación, segundo a posición específica do xogador.

Para pór en marcha o estudo os autores mediron os valores destes tempos cunha técnica desenvolvida na Universidade de Ljubljana –Eslovenia- denominada tensiometría (TMG), que empregan diferentes equipos de primeira división, entre eles o FC Barcelona. “É unha ferramenta non invasiva que permite valorar as características contráctiles de músculos superficiais en cuestión de segundos”, subliña Ezequiel Rey, que explica que no grupo de investigación empregaran xa esta técnica noutra investigación “en concreto nun estudo que tiña por obxectivo valorar a resposta muscular despois dunha sesión de adestramento”. A este respecto, Rey subliña que a técnica TMG permite “obter información sobre os efectos agudos ou crónicos do adestramento a nivel muscular, previr lesións, detectar desequilibrios e asimetrías musculares e valorar o estado de fatiga do músculo despois de adestrar”, engade o investigador.

Os centrocampistas requiren máis resistencia.
En referencia ás diferentes posicións dos xogadores, os autores do estudo subliñan que o defensa central e o porteiro presentan tempos de contracción no músculo recto anterior menores que os defensores laterais, algo que, ao seu xuízo, se debe a que “tanto os centrais como os porteiros precisan maiores niveis de forza explosiva nos músculos extensores de xeonllo para desenvolver con éxito as accións de salto, como paradas e despexes de cabeza”, sinala Rey. Ademais, para ese mesmo músculo, os centrocampistas manteñen a contracción menos tempo que o resto de xogadores, porque requiren máis resistencia.

Outra maneira de dedicarse ao ‘deporte rei’.
O grupo de investigación Hi-20, ao que pertencen estes tres investigadores, creouse na Facultade da Educación e do Deporte no ano 2003 e a na actualidade agrupa a máis dunha ducia de investigadores e profesionais dedicados fundamentalmente aos deportes colectivos, especialmente ao fútbol. Dirixidos polo profesor Carlos Lago Peñas e con Luis Casais e Eduardo Domínguez como investigadores principais, todos os integrantes do grupo manteñen unha estreita relación co mundo do fútbol, estando gran parte dos integrantes ligados a diferentes clubs nos que apoian ou teñen apoiado a súa actividade investigadora ou profesional.

Entre outras actividades o persoal do Hi-20 colaborou activamente na organización do I e II Congreso Internacional de Fútbol que se celebrou na cidade de Pontevedra, convertida por uns días na capital do "deporte rei".

Fonte: duvi.uvigo.es