Oficina CEER
 16-01-2013
O PROXECTO INTERNACIONAL KIDSINNSCIENCE DE INNOVACIÓN NA ENSINANZA DAS CIENCIAS REÚNE ESTA SEMANA NA USC ESPECIALISTAS DE EUROPA E AMÉRICA LATINA

Os dez países participantes coñecerán diferentes propostas para involucrar a nenos e nenas no ámbito das ciencias.

Especialistas de dez países de Europa e América Latina asisten ata o próximo o próximo venres 18 na USC á sétima reunión de traballo conxunto arredor do proxecto internacional ‘ KidsInnScience (KIS): Turning kids on to science’ financiado pola Comisión Europea para promover enfoques innovadores para a ensinanza e aprendizaxe da ciencia e da tecnoloxía en diferentes niveis educativos.

O proxecto coordínano en España as profesoras María Pilar Jiménez Aleixandre e Isabel García-Rodeja, do Departamento de Didáctica das Ciencias Experimentais e da Matemática da USC, única universidade española que participa. Na xuntanza, que comezou este mércores na Facultade de Ciencias da Educación (Avda. Xoán XXIII, s/n), estanse a explicar as actividades levadas a cabo pola USC non só en centros educativos galegos senón tamén de Zamora e Ciudad Real.

Entre as prácticas innovadoras implementadas en Galicia destacan ‘As patacas poden medrar no aire’ en seis aulas de educación infantil e ‘Raios X, unha combinación de física, bioloxía humana e medicina’ en dúas aulas de educación secundaria obrigatoria.

Os grupos participantes na investigación consideran fundamental a educación en ciencia e tecnoloxía, que contribúe notablemente a asegurar e mellorar a calidade de vida e do medio e a manter a competitividade nunha economía cada vez máis globalizada. Baixo esa premisa, KIS pretende probar actividades con esas características para a súa implementación en escolas regulares. A idea da que parte o proxecto é que as innovacións en ciencia e tecnoloxía funcionan eficientemente de cumprirse os criterios de calidade acordados e de adaptarse ao propio contorno de cada país.

Deste xeito, búscase facilitar ao sistema educativo unha actuación máis creativa no sistema e á vez camiñar cara a un método de aprendizaxe máis activo de maneira que se mellore o rendemento escolar e aumente o interese da xuventude na ciencia e tecnoloxía.

Fonte: xornal.usc.es