Oficina CEER
 17-01-2013
A UDC PATENTA UN SOFTWARE PARA RETINÓGRAFOS EN ESTADOS UNIDOS

• O proxecto, liderado por Manuel González Penedo, permite medir o risco cardiovascular en imaxes do fondo do ollo.

• A esta primeira patente americana para a Universidade sumarase outra que automatiza todo o proceso.

A Coruña, 16 de xaneiro de 2013.- O grupo de investigación da Facultade de Informática, Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns, que lidera Manuel González Penedo, acaba de conseguir a primeira patente da Universidade da Coruña en Estados Unidos cun software que mide o risco cardiovascular a través de imaxes no fondo do ollo. Esta aplicación informática, que levou máis de tres anos de investigación, contou coa colaboración dos especialistas en oftalmoloxía do Sergas, Antonio Pose e Francisco Gómez Ulla, así como do departamento de Electrónica e Computación da Universidade de Santiago de Compostela.

O equipo de investigadores desenvolveu un método informático que permite avaliar as alteracións que se poden producir na árbore vascular do ollo, medindo de forma automática o ancho das veas e arterias en determinados puntos e calculando a variable de índice arteriovenoso (AVR), para o cal traballou cunha mostra inicial de 200 persoas con problema de hipertensión.

O software poderá aplicarse nos retinógrafos para que cada vez que os oftalmólogos saquen unha imaxe do fondo do ollo poidan coñecer ao momento se o paciente ten problemas de tensión arterial ocular, ademais de seguir a súa evolución no caso dos hipertensos. A Universidade da Coruña está agora no proceso de comercialización desta patente, e ten unha segunda solicitude en marcha, xa que este mesmo grupo de investigación realizou un proceso de automatización que completa a manipulación de imaxes da primeira patente. Se a primeira aporta unha metodoloxía para o cálculo variable coa fin de establecer un prognóstico, coa segunda patente solicitada se establece unha automatización de todo o proceso para que teña un menor custo para o especialista.

A Universidade da Coruña ten presentadas un total de 104 solicitudes de patentes nacionais, 4 en Estados Unidos e 3 modelos de utilidade; das cales concedéronse, de momento, 71 patentes nacionais, 1 en Estados Unidos e 2 modelos de utilidade. Ademais presentouse a solicitude de extensión internacional PCT de 4 destas patentes nacionais. Nos últimos catro anos, o número de solicitudes de patentes aumentou nunha porcentaxe do 50%.

As investigacións da Universidade da Coruña desenvólvense en moi diversos ámbitos, con resultados en todos eles, o que leva a que haxa patentes dunha diversidade de áreas. Destaca o sector das tecnoloxías da información e a comunicación con 78 rexistros de software, pero hai outros sectores con resultados patentados como a enxeñaría industrial, enxeñaría civil, biotecnoloxía ou medicina. As patentes son o resultado de proxectos de investigación realizados ao longo de varios anos e financiados a través de convocatorias públicas. Os investigadores que teñen uns resultados susceptibles de ser protexidos diríxense á OTRI, Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación, que é o servizo encargado de presentar a solicitude das patentes tanto a nivel nacional como internacional e de realizar o seguimento das mesmas, así como os rexistros de propiedade intelectual. A Universidade da Coruña é a titular das patentes desenvolvidas na universidade e os investigadores figuran sempre como autores das mesmas. Para que se conceda unha patente, esta debe basearse nun novo ou mellorado produto ou proceso coas características de novidade, actividade inventiva e aplicación industrial. É moi importante que non se realice ningunha difusión da tecnoloxía antes de presentar a solicitude da patente, xa que o caso contrario supón a denegación da mesma. O proceso de concesión dunha patente consta de varias etapas alongando moito o tempo ata a súa concesión.

Fonte: udc.es