Oficina CEER
 18-01-2013
UN ENCONTRO IBÉRICO ESTUDARÁ MAÑÁ OS SISTEMAS DE INFORMACIÓN E A PROTECCIÓN E CONSERVACIÓN DA BIODIVERSIDADE NA EURORREXIÓN GALICIA-NORTE DE PORTUGAL

O proxecto de investigación BIODIV_GNP que lidera a USC organiza un workshop ibérico sobre ‘Sistemas de información e a protección e conservación da biodiversidade na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal’, a celebrar este sábado 19 de xaneiro en Ponte da Lima.

O encontro profunda na importancia cada vez maior que a protección e a xestión dos recursos naturais teñen nas estratexias e proxectos de valorización territorial. É un encontro de asistencia gratuíta para o que é preciso formalizar a inscrición a través dos formulario dispoñible na web www.biodiversidade.eu. O programa da xornada contempla catro aspectos temáticos que arrancan nun encadramento institucional e temático e continúa percorrendo as iniciativas de aplicación, monitorización e xestión territorial; os sistemas de información e a monitorización da biodiversidade; e as particularidades do proxecto BIODIV_GNP.

A partir das 9.30 horas, o programa comezará cunha serie de intervencións arredor da cadro institucional e temático de soporte ao desenvolvemento de sistemas de información e monitorización da biodiversidade. Continuará cunha segunda mesa sobre iniciativas de aplicación, monitorización e xestión territorial e outra sobre os sistemas de información e monitorización da biodiversidade. Para completar o programa, está prevista unha última quenda de intervencións específicas sobre o proxecto BIODIV Galicia-Norte de Portugal, que moderará o profesor da USC e coordinador do proxecto Santiago Ortiz.

Grupo BIODIV-GNP.
BIODIV-GNP (Biodiversidade Vexetal Ameazada Galicia-Norte de Portugal é un proxecto liderado pola USC e cofinanciado polo Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 a través dos fondos FEDER da Unión Europea. Ten como obxectivo cubrir as necesidades de recompilación, administración e difusión de información sobre a distribución e as principais necesidades de conservación da flora ameazada do noroeste peninsular. Xunto coa USC, no proxecto participan ademais a Universidade de Porto, a Fundación CEER, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza e a Fundaçao Fernão Magalhães para o Desenvolvimento.

Fonte: xornal.usc.es