Oficina CEER
 31-01-2013
HÉCTOR GÓMEZ,MELLOR INVESTIGADOR EN MÉTODOS NUMÉRICOS NA ENXEÑARÍA ESPAÑOLA

Héctor Gómez, profesor de Matemática Aplicada da Escola Técnica Superior de Camiños, Canais e Portos acaba de ser distinguido como o mellor investigador novo de España no ámbito dos métodos numéricos na enxeñaría. O premio, denominado Juan Carlos Simó, está convocado pola Sociedad Española de Métodos Numéricos en Ingeniería (SEMNI) e entregarase no transcurso do congreso que a asociación organiza este ano en Bilbao.

Héctor Gómez conseguiu o ano pasado a distinción Starting Grant do European Research Council para desenvolver un proxecto de investigación de aplicación de modelización e simulación dun crecemento tumoral. O investigador estuda o crecemento de tumores con ecuacións matemáticas de forma personalizada e actualizable cos resultados das analíticas e probas médicas que se vaian facendo os afectados. Gómez conta coa colaboración de entidades médicas en Estados Unidos e co apoio do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

Este proxecto constitúe o primeiro Starting Grant para a Universidade da Coruña e un dos primeiros para Galicia. A European Research Council realiza unha exhaustiva selección dos proxectos de investigación aos que presta subvención económica cun tribunal internacional formado por vinte persoas. O profesor e investigador da Universidade da Coruña contou en todo momento co apoio da Vicerreitoría de Investigación e Transferencia na presentación da solicitude e en todo o proceso selectivo.

Máis información da investigación de Héctor Gómez en http://caminos.udc.es/gmni/gente/hgomez/