Oficina CEER
 11-03-2013
PASADO, PRESENTE E FUTURO LOITANDO POLA IGUALDADE

A Universidade presenta o primeiro fondo audiovisual sobre as universitarias galegas no franquismo.

O Servizo de Deportes recibe o I Premio Uviguala no Día da Muller.

“Para que non vos pase como a min que teño que pedir diñeiro a teu pai para comprar unha barra de labios …”; “para ser independentes dos nosos futuros maridos, se é que os tiñamos...”; “de acordo con miña nai empecei Medicina e a meu pai díxenlle que estudaba Farmacia...”. Son algunhas das testemuñas que se recollen no proxecto Compromiso e Igualdade. Mulleres universitarias galegas durante o franquismo, o primeiro fondo de memoria audiovisual de mulleres que pasaron pola universidade durante o franquismo que se fai a nivel nacional e no que se recolle a historia de 25 mulleres universitarias vivas, que estudaron na universidade durante o período franquista e que realizaron a súa vida profesional nalgún sector significativo da sociedade. Coincidindo coa celebración do 8 de marzo, a Universidade de Vigo fixo públicos os resultados do proxecto nun acto no que tamén se entregou o I Premio de compromiso coa igualdade de xénero da Universidade de Vigo Uviguala ao Servizo de Deportes desta institución.

“Os pobos que recordan e que recordan ben acostuman a ser máis fortes”, subliñaron ao inicio da presentación Mª Victoria Martins Rodrigues e Ángel Rodríguez Gallardo, investigadores responsables do proxecto, que explicaron que a iniciativa, “pioneira e de enorme valor”, é o primeiro fondo audiovisual que existe con estas características no estado español e encádrase na necesidade de recoller a memoria das mulleres universitarias “que se construíron e se formaron durante o franquismo”, un aspecto no que tamén quixo facer fincapé o reitor, Salustiano Mato, que aproveitou a celebración desta data para pór en valor o recentemente aprobado Plan de Igualdade da Universidade de Vigo, ao que se referiu como, unha folla de ruta realista que vai permitir que a igualdade real “o empape todo como choiva fina” e que non tería sido posible sen o traballo desenvolto pola Unidade de Igualdade e pola Comisión de Igualdade.

3 xeracións, 25 relatos de vida.
O proxecto, encadrado nas diferentes liñas de subvencións do Ministerio da Presidencia á chamada Memoria Histórica, recolle a experiencia de mulleres de tres xeracións distintas con capacidade de expoñer relatos de vida que abarcan gran parte do século XX. Dende a máis maior, Antía Cal Vázquez, que hoxe ten noventa anos, ata a máis nova, nacida en 1952, buscamos “mulleres que pasaron toda a súa etapa universitaria durante o período franquista”.

Inmaculada Paz Andrade, Carme García Negro, Margarita Ledo, Dorotea Bárcenas ou as profesoras da Universidade de Vigo Pilar Allegue, Mercedes Suárez Díaz, María Álvarez Lires, Camiño Noia e Purificación Mayobre son algunhas das mulleres que participaron no proxecto, un traballo “multidisciplinar” levado a cabo entre filólogos, especialistas no eido audiovisual e historiadores. Por que elixiron os estudos que elixiron, a que tipos de presións se viron sometidas á hora de realizar esta elección, que atrancos se toparon no camiño, como foi o desenvolvemento da súa carreira profesional... son algún dos temas que se abarcan “nun volume valiosísimo de información que se achega ás 80 horas totais de gravación”, ao que se engade outro tipo de información adicional achegada polas propias entrevistadas nas que se inclúen fotografías, texto escolares, certificados...

O fondo porase en breve a disposición de todas as persoas interesadas a través da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, para o seu uso da investigación, da divulgación e da súa análise pola comunidade investigadora galega, española e internacional, xa que a idea é que, nunha futura fase do proxecto, “cando as circunstancias económicas o permitan”, subtitular toda a documentación ao inglés e abrila así á comunidade internacional.

Deporte en clave de igualdade.
“Pola súa sensibilidade e compromiso coa igualdade entre as mulleres e homes da Universidade de Vigo. Por facer unha programación orientada adecuadamente ás necesidades das mulleres. Polos seus esforzos para promocionar a actividade física entre as mulleres. Pola transmisión dunha imaxe igualitaria que rompe con estereotipos de xénero na difusión e publicidade da súa oferta de actividades. Polo emprego dunha linguaxe inclusiva e transgresora que invita ás membras da comunidade universitaria á súa Gala do Deporte e por ser un exemplo de boas prácticas nun campo tan sesgado polo xénero como é o deporte”. Por todos estes motivos, o Servizo de Deportes é merecedor do I Premio de Compromiso coa igualdade de xénero da Universidade de Vigo, Uviguala.

Javier Rial, responsable do Servizo de Deportes, foi o encargado de recoller de mans do reitor Salustiano Mato, o diploma acreditativo do Premio Uviguala, un galardón que agradeceu porque “recoñece que imos polo bo camiño e que debemos seguir traballando en liña cos valores da Universidade”. Rial puxo de manifesto que o mundo deportivo universitario a diferenza entre homes e mulleres non é tan grande como na sociedade en xeral”, porque as institucións de ensino superior españolas e europeas e os seus servizos deportivos traballan coa equidade como un obxectivo cando se elaboran os programas de actividades e competicións. Destacou que o Servizo de Deportes da Universidade de Vigo aposta por un cambio de modelo, “por ofrecer unha actividade física centrada na saúde, no ocio, na calidade de vida, o aproveitamento do tempo de lecer, deixando un pouco de lado o modelo de competitividade e o rendemento” e ese equilibrio xera mellores prácticas e todos os eidos, incluída a igualdade.

III Ciclo de Mulleres Creadoras.
Coincidindo tamén coa celebración deste 8 de marzo, a Unidade de Igualdade colabora co III Ciclo de Mulleres Creadoras que dentro do ALT 13, que ten lugar este venres ás 22.00 horas no Auditorio Municipal do Concello de Vigo.

Fonte: duvi.uvigo.es