Oficina CEER
 12-03-2013
ALUMNOS DA UDC PODERÁN COMPLETAR ESTUDOS NA UNIVERSIDADE DE AICHI (XAPÓN)

O reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, recibiu esta mañá a visita dunha delegación de profesores da Universidade Provincial de Aichi (Xapón), encabezada polo director do departamento de Estudos Hispánicos, Katsuyuki Takenaka, xunto con Yoshitomo Okuno, e pola vicerreitora de Relacións Internacionais e Cooperación, Natalia Álvarez. Os profesores xaponeses tiveron unha reunión de traballo esta mañá coa vicerreitora, a decana da Facultade de Filoloxía, Teresa López, e os profesores desta facultade Nancy Vázquez e Mauro Fernández, director do Centro de Linguas da UDC. No transcurso da reunión analizaron as posibilidades de colaboración entre ambas entidades que se plasmará na sinatura dun convenio para favorecer o intercambio de alumnos entre ambas as dúas universidades. A Universidade da Coruña estuda xa a implantación dun curso de introdución ao idioma xaponés que sería impartido por profesores da Universidade de Aichi.

A visita da delegación xaponesa á Universidade da Coruña completa a súa estadía en España, en que tamén visitaron as universidades Pompeu Fabra e a de Santiago de Compostela.

Fonte: udc.es