Oficina CEER
 14-03-2013
A UDC DISPÓN DUN NOVO SERVIZO DE TRADUCIÓN CON 14 PARES DE LINGUAS

A Universidade da Coruña vén de poñer ao dispor da comunidade universitaria, vía intranet, un servizo de tradución automática que traballa con ata 14 pares de linguas, entre as que se atopan as que resultan de maior interese para o noso contorno: galego-castelán. O tradutor está dispoñible en http://tradutor.udc.es/ ou desde a páxina principal www.udc.es e permite a tradución de textos de xeito directo, a posibilidade de traducir ficheiros (formatos TXT, HTML, DOC, ODT, ODS, ODP DOCX, XLSX e PPTX) e mais a tradución de páxinas web.

Esta ferramenta, enmarcada nun proceso de mellora e modernización dos servizos, está desenvolvida dende o Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG) en colaboración coas tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG). A súa estrutura está constituída por dous nodos, un na Universidade de Vigo e o segundo na Universidade da Coruña, sendo a Universidade de Santiago a responsable do Centro de Atención ao Usuario (CAU). O tradutor é unha ferramenta óptima para elaborar a versión castelá daquela documentación que teña que producir efectos fóra de Galicia ou da que sexa aconsellable dispor de versión bilingüe. Tamén pode ser útil para a tradución ao galego de material de aula por parte do persoal docente ou daquel material de apoio empregado en cursos ou congresos, aínda que o texto resultante non debe ser entendido como un texto definitivo, senón que é imprescindible que sexa revisado e cotexado co seu orixinal pola persoa responsable. Non é unha ferramenta pechada senón que está en constante proceso de mellora e perfeccionamento, proceso no cal a colaboración das persoas usuarias é de extrema utilidade.

Fonte: udc.es