Oficina CEER
 15-03-2013
O PROXECTO NACCE FINALIZA DESPOIS DE AXUDAR A CREAR 19 EMPRESAS

A Escola Superior de Enxeñaría Informática foi un dos promotores da iniciativa.

Durante dous anos apoiou o emprendemento tecnolóxico e a modernización das empresas.

Permitiu a creación de 19 novas empresas TIC e prestou apoio a máis de 200 pequenas e medianas empresas nos últimos dous anos, favoreceu 8 proxectos de I+D e ofreceu unha formación de calidade en colaboración, internacionalización e creación de negocios a 370 alumnos. Deste xeito resumía Beatriz Mato, conselleira de Traballo e Benestar, os resultados do Proxecto Nacce, que este xoves se clausurou en Santiago de Compostela e no que a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense xogou un papel destacado como membro da iniciativa.

O Proxecto Nacce (Núcleo de Apoio á Competitividade e á Creación de Empresas TIC) xurdiu dentro do Programa de Cooperación Transfronteriza España–Portugal 2007-2013 e estivo liderado pola Consellería de Traballo e Benestar, a Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Asociación Galega de Empresas TIC Agestic, a Cámara de Comercio de Vigo, a Associaçao Empresarial AIMinho e o Centro de Computaçâo Gráfica CCG/ZGDV. Cun orzamento de 1,2 millóns de euros cofinanciado por fondos Feder, a iniciativa tivo estes dous anos por obxectivo dinamizar o sector das tecnoloxías da información e da comunicación a ambos lados da fronteira e apoiar aos emprendedores neste ámbito.

Catro exemplos emprendedores.
A clausura do proxecto que tivo lugar este xoves na Escola Galega de Administración Pública contou coa participación de Beatriz Mato; Odilo Martiñá, director xeral de Traballo e Economía Social; Francisco Javier Rodríguez, subdirector da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense; Sonia Rábade, secretaria xeral de Agestic; José Manuel García, xerente da Cámara de Comercio de Vigo; Ana Campos, de AIMinho, e Eduardo Pinto, director executivo do CCG.

Entre o público e como emprendedores xurdidos no marco de Nacce que explicaron a súa experiencia nesta clausura estiveron os promotores de catro iniciativas que xa foron presentadas o pasado 24 de xaneiro no campus de Ourense. Trátase de Wiimbo, unha aplicación móbil que permite aos usuarios consultar a música que se escoita en cada local de ocio e participar na súa selección musical; Anubía, un servizo de implantación de software de xestión empresarial de código libre para pequenas empresas; VouAxenda, un portal coa actividade cultural en Ourense, e 104 Cubes, que desenvolve ferramentas que permiten converter os deseños de clientes en aplicacións informáticas.

Fonte: duvi.uvigo.es