Oficina CEER
 18-03-2013
OS PROS E OS CONTRAS DE SER TRABALLADOR SOCIAL

Este luns arrancaron no campus de Ourense as actividades co gallo do día mundial destes profesionais.

O envellecemento activo ou a violencia de xénero serán algúns dos temas a tratar.

O 19 de marzo celébrase o Día Mundial do Traballor Social e para conmemorar e reivindicar a figura destes profesionais, o campus de Ourense acolle desde este luns e ata o xoves diferentes conferencias e actividades complementarias organizadas pola Asociación de Profesionais do Traballo Social Aprotsímate, Marea Laranxa e Xóvenes Estudantes de Ourense. “O noso obxectivo esta semana é reivindicar o papel deste profesionais na sociedade, pois os traballadores sociais non son só xestores, son persoas que co seu facer contribúen a mellorar a calidade de vida dos individuos e da sociedade e a facelos máis felices”, destacou Ángel Gómez, portavoz dos promotes da actividade.

Decisións complexas que non sempre gustan.
A programación comezou este luns cunha conferencia de Marta Bernárdez sobre o traballo social educativo e estaba previsto que continuase pola tarde coas intervencións de Emilia Martínez, sobre os grupos de apoio a coidadores, e de José García, sobre o envellecemento activo e as novas tecnoloxías. Froito da súa experiencia nun centro de ensino do Carballiño, Marta Bernárdez explicoulle aos asistentes “o duro traballo dun traballador social” nos colexios. “A parte positiva é que tes unha relación moi directa cos usuarios do teu servizo, tes moita familiaridade cos rapaces, coas súas familias e coas demais persoas implicadas durante a intervención social. A parte negativa é que en moitas ocasións tomas decisións moi complexas que evidentemente non van a gustar a todos. O traballador social día a día ten que amosar a súa valía enfrontándose a este tipo de situacións e non sempre é unha tarefa agradecida”, subliñou.

Tal e como lle comentou ao máis de medio cento de persoas asistentes, o traballo dun profesional deste eido abrangue un abano moi amplo de actividades, desde a recollida e difusión de información sobre oportunidades educativas, culturais e incluso económicas da contorna ao tratamento de casos nos que os menores están en risco de exclusión social ou que son vítimas de acoso. “Se es un bo profesional e te implicas no que fas, ás veces é moi difícil, porque tomas decisións en base a variables humanas e moitas veces non sabes se tomaches a decisión correcta. Só che queda confiar en que co teu traballo estás intentado contribuír a mundo mellor”, destacou a traballadora social.

Unha semana de actividades.
A programación desta iniciativa continuará o martes día 19 de marzo, ás 10.00 h, cunha conferencia de Vítor González sobre a orientación profesional e continuará ás 16.30 h coas intervencións de María Martínez, sobre o traballo social coa etnia xitana, e de Cristina Eyré e María Francisco, sobre un proxecto de investigación sobre violencia de xénero e menores que están desenvolvendo estas dúas estudantes do grao de Traballo Social. Xa o mércores, as actividades comezarán ás 16.30 h cunha conferencia de Raquel Hermida sobre a o traballo social na sociedade da información e continuará coa proxección da produción Sara. Para rematar, a noite do xoves celebrarase un concerto de Kambotes e Caso Aparte no Café Auriense.

Fonte: duvi.uvigo.es