Oficina CEER
 21-03-2013
A ASTROFOTOGRAFÍA TAMÉN É POSIBLE NA CIDADE E SEN GRANDES MEDIOS

Unha exposición amosa os traballos que poden facer os afeccionados neste eido.

A mostra está situada no entrechán do Edificio Politécnico. “Sempre se dixo que para facer fotografía astronómica son necesarios ceos escuros e grandes telescopios. Esta exposición demostra que calquera afeccionado desde a cidade e con poucos medios pode facer bos traballos”. Deste xeito preséntase na Facultade de Ciencias do campus de Ourense a mostra de astrofotografía urbana que desde este luns e ata o remate do curso académico estará situada no entrechán do Edificio Politécnico. Nas súas imaxes Víctor Manuel Pérez e Francisco Fernández ofrecen aos espectadores un percorrido visual polo universo máis próximo e polos obxectos que o conforman.

A iniciativa, organizada pola web de observación astronómica El Mirón del Cielo, conta coa colaboración da Asociación Cultural Foula e da facultade que a acolle. Segundo explica Víctor Manuel Pérez, responsable de El Mirón del Cielo e da exposición, a mostra inclúe tomas planetarias, de cometas, da lúa, do sol, de cúmulos globulares, de galaxias e de nebulosas planetarias, entre outos obxectos. Todas estas imaxes foron realizadas nos últimos anos desde unha contorna urbana e foron seleccionadas porque amosan moi ben como desde a cidade e a súa contorna inmediata tamén se pode facer astronomía e fotografar o que se observa. Para completar esta panorámica do ceo máis achegado, a mostra inclúe, alén das imaxes realizadas polo seu promotor, outras de Francisco Fernández, do Taller de Astronomía da Asociación Aristarco.

20 imaxes, 20 historias detrás.
Cada unha das vinte imaxes que compoñen a mostra está acompañada por un texto explicativo no que se identifica o obxecto retratado, se indica o lugar e o ano no que foi tomada a fotografía e se inclúe algunha anotación sobre as características dese astro e das peculiaridades que hai que ter en conta á hora de intentar capturar a súa imaxe. No caso da lúa, por exemplo, advirten do reto que supón obter unha imaxe con detalles, xa que "a lúa chea carece de sombras e de contrastes, dando unha imaxe moi plana". Igualmente, na mostra pódese ver o traballo dos afeccionados á astrofotografía buscando o sitio e o plano axeitado para retratar un fenómeno puntual, como o paso do cometa C/2011 L4 PAMSTARRS, que Víctor Manuel Pérez retratou coa cidade de Ourense como escenario.

Con esta iniciativa, os promotores da exposición queren contribuír a espertar a curiosidade das persoas, especialmente do alumnado da área de ciencias, pola astronomía. Tamén queren axudar a que os xa afeccionados a escudriñar o ceo descubran as posibilidades que lles ofrece a fotografía, sen grandes medios nin percorrendo longas distancias, só con aparellos asequibles e na contorna da cidade. Por último, está o seu desexo de compartir coas persoas interesadas os froitos da súa paixón por retratar a beleza do universo.

Fonte: duvi.uvigo.es