Oficina CEER
 22-03-2013
UN SEMINARIO GRATUÍTO DE PLANIFICACIÓN EMPRESARIAL INSTRÚE NA CONSTRUCIÓN E AVALIACIÓN DE MODELOS DE NEGOCIO

O Seminario gratuíto de Planificación Empresarial abre a súa matrícula para o curso ‘ Construción e avaliación de modelos de negocio’ que cunha oferta de 35 prazas se celebrará ao longo de cinco sesión no mes de abril no edificio Emprendia. Diríxese a estudantes, traballadores/as en activo, persoas desempregadas e, en xeral, a todas aquelas que teñan unha idea ou proxecto empresarial que queiran analizar para asegurar a súa boa marcha. Esta é unha iniciativa organizada polo programa de Creación de Empresas da Universidade de Santiago (Uniemprende) en colaboración co IGAPE.

Para a adxudicación de prazas valorarase especialmente que quen estea interesado/a teña algún tipo de vinculación con calquera das universidades galegas. Ademais terase en conta que a persoa interesada amosara interese en participar na décimo terceira edición do Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC mediante a cumprimentación e envío da correspondente ficha de preinscrición. Finalmente, terase en conta a orde de inscrición en quedara rexistrada a solicitude.

En total, o seminario oferta 15 horas de sesións formativas e titorías individualmente a celebrar os días 10, 12, 17, 19 e 24 de abril na Aula de Formación do Edificio Emprendia en horario de 10 a 13.30 horas. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á web de Uniemprende.

Fonte: xornal.usc.es