Oficina CEER
 28-05-2013
DESEÑAN NA USC AXENTES MOLECULARES QUE ‘BAILAN’ SOBRE O XENOMA

O obxectivo final dos investigadores do CIQUS é poder controlar a vontade os procesos de expresión xénica.

O grupo que dirixe o profesor José Luis Mascareñas no Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CIQUS) acaba de publicar un traballo en Nature Communications que senta as bases para poder deseñar nun futuro axentes farmacolóxicos intelixentes capaces de regular unha ou outra actividade xenética, dependendo do estímulo externo que se aplique. A investigación representa o primeiro exemplo dunha molécula deseñada para que poida unirse a máis dunha secuencia específica do ADN en función dos cambios producidos no seu entorno.

Os investigadores deseñaron e prepararon sistemas moleculares de tipo peptídico capaces de elixir entre diferentes destinos xenéticos (secuencias de ADN) segundo os estímulos que reciben. Estes sistemas imitan o comportamento dos reguladores xenéticos naturais, proteínas que deciden qué xene debe expresarse en cada momento en cada tipo de célula. A expresión dun xene ou doutro é clave no comportamento e no destino das células e pódese considerar como un proceso fundamental no desenvolvemento dos organismos vivos e na aparición e avance de moitas enfermidades.

As sustancias moleculares deseñadas polos investigadores do CIQUS permanecen en estado inactivo e se activan de forma programada en resposta a sinais externas. En presenza dun determinado tipo de metais (estímulo A) vólvense activas e péganse a unha secuencia xenética concreta (que se podería chamar estación xenética A). Cando se someten a outra sinal externa distinta (axente oxidante, estímulo B) as moléculas despéganse desa secuencia e únense a outro lugar distinto do ADN (estación xenética B). Por tanto, pódese dicir que as moléculas bailan entre os dous destinos xenéticos ao ritmo dos estímulos externos que se lles aplican.

O traballo foi realizado integramente no CIQUS da USC polos estudantes de doutorado Adrián Jiménez e Jesús Mosquera –actualmente cunha estadía predoutoral na Universidade de Cambridge– e codirixido por Eugenio Vázquez.

Fonte: xornal.usc.es