Oficina CEER
 29-05-2013
CURSOS PARA O VERÁN E BOLSAS PARA OS MESTRADOS NA UVIGO

Ábrese o prazo para solicitar as axudas de mobilidade Ourense Exterior.

As persoas que desexen seguir formándose nas vacacións teñen once posibilidades no campus.

Once cursos de verán con 604 prazas e dez bolsas de mobilidade Ourense Exterior. A Universidade de Vigo, o seu Consello Social e a Deputación Provincial de Ourense presentaron este martes as convocatorias destas dúas iniciativas que xorden froito da colaboración entre estas entidades e que teñen como obxectivo último dinamizar a vida académica e socioeconómica da cidade e da provincia. O prazo para solicitar praza en calquera destas dúas convocatorias xa está aberto.

Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo; Manuel Baltar, presidente da Deputación Provincial de Ourense, e Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, foron os encargados de presentar no Centro Cultural Marcos Valcárcel as características tanto das bolsas de mobilidade coma dos cursos de extensión universitaria. “As dúas iniciativas están destinadas a ter impacto no desenvolvemento do campus e na cidadanía en xeral. Os cursos de verán nacen no marco do convenio de colaboración anual coa Deputación para actividades de difusión cultural e no caso das bolsas Ourense Exterior, tamén se une a colaboración do Consello Social da Universidade de Vigo”, explicou Salustiano Mato.

Dez bolsas
As bolsas Ourense Exterior, destacou Ernesto Pedrosa, enmárcanse na aposta da Universidade de Vigo por traballar “na mellor progresiva dos datos de mobilidade, sendo na actualidade a universidade galega que máis estudantes envía ao estranxeiro e a que máis recibe e a quinta de España”. Estas axudas, cuxo prazo para presentarse xa está aberto, teñen a finalidade de facilitar a mobilidade de estudantes descendentes de emigrantes ourensáns, galegos ou españois e de cidadáns estranxeiros en xeral para cursar estudos de mestrado presenciais no campus de Ourense.

O número de axudas para o curso 2013/2014 é de dez. As bolsas cubrirán a matrícula no mestrado que corresponda, unha praza de aloxamento en réxime compartido na Residencia Universitaria As Burgas e unha axuda de 600 euros para contribuír aos gastos da viaxe. Para optar ás bolsa, como requisitos xerais os solicitantes deberán ter máis de 18 anos e menos de 30 na data da publicación da convocatoria e cumprir os requisitos académicos necesarios para acceder á titulación correspondente. Para conseguir unha das prazas, en primeiro lugar terán preferencia os ourensáns, galegos ou/e españois, ou os seus descendentes ata o segundo grao inclusive, residentes no exterior. En segundo lugar terán preferencia os cidadáns estranxeiros residentes no exterior. A Deputación de Ourense achega a esta iniciativa 10.000 euros, o Consello Social da Universidade de Vigo 8000 euros e a Universidade de Vigo asume o custo dos prezos públicos de matrícula e ata un máximo de sete prazas en réxime de habitación compartida na Residencia Universitaria As Burgas. O prazo de presentación remata o 23 de xuño.

604 prazas en cursos
Polo que se refire aos cursos de verán, destacou Manuel Baltar, nesta treceava edición alén da cidade de Ourense catro concello da provincia tamén terán protagonismo na iniciativa. Deste xeito, o Concello de Celanova acollerá o seu xa tradicional X Curso audiovisual galego; Muiños unha iniciativa de educación ambiental e Allariz e Sandiás unha de patrimonio. No seu conxunto, a programación mestura opcións formativas xa consolidadas con novas propostas, ofrecendo un total de 604 prazas en once cursos que se desenvolverán desde xuño a outubro. Os prezos de cada actividade varían, desde os 30 aos 120 euros, habendo un desconto do 25% para os membros da comunidade universitaria e un 50% para bolseiros do Ministerio de Educación ou beneficiarios doutro tipo de axudas por motivos económicos. Nas actividades que se celebren fóra do campus de Ourense haberá transporte de balde.

Na programación, o eido empresarial é o máis presente ofertándose cursos de Innovación aplicada á empresa; O meu negocio e a rede; Fiscalidade sobre a renda das persoas físicas e sociedades: teoría, práctica e ferramentas informáticas; Deporte, empresa e sociedade: leccións "de cine" e Planificación, estratexias e comportamento fiscal do contribuínte. Outras opcións que se impartirán son Comunicación: eixo fundamental do acto didáctico; Valoras o teu patrimonio? Modelos de xestión patrimonial no Noroeste peninsular; Cata de viños, augardentes e licores; II Xornadas sobre biomasa, unha fonte inesgotable de posibilidades; X Curso audiovisual galego: presente cambiante e alternativas de futuro, e Educación ambiental e responsabilidade social.

Fonte: duvi.uvigo.es