Oficina CEER
 31-05-2013
DEBATE EN SOCIOLOXÍA SOBRE REDES SOCIAIS E PARTICIPACIÓN CIDADÁ

A Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña acollerá a partir do venres, 31 de maio, o IV Ciclo de Conferencias Sociedade en movemento, redes sociais e participación cidadá. O primeiro relatorio terá lugar o día 31 ás 12:00 horas no Salón de Graos, a cargo de Miguel Vale de Almeida, profesor de Antropoloxía do Instituto Superior de Ciencias do Traballo e a Empresa de Lisboa (ISCTE), que falará sobre a xestión da diversidade cultural vista desde as teorías postcoloniais.

Licenciado en Antropoloxía na Universidade Nova de Lisboa e mestrado na State University of New York, o profesor conta cun destacado currículo académico, desde o doutoramento en Antropoloxía no ISCTE no 1994 ata o cargo de director do Mestrado en Antropoloxía na especialidade Multiculturalismo e Identidades e Colonialismo e postcolonialismo do ISCTE que ostenta na actualidade. Ademais é director da Revista Etnográfica editada polo ISCTE e as súas liñas de investigación principais abarcan os estudos postcoloniais, a raza, a etnicidade, e a etnopolítica, xunto co xénero, a sexualidade e o corpo. Entre as súas publicacións máis destacadas figuran An Earth-Colored Sea. ‘Race, Culture and the Politics of Identity in the Post-Colonial Portuguese-Speaking World e The Hegemonic Male: Masculinity in a Portuguese Town.

Máis información:
http://www.sociologia.udc.es/es/novedades/367-iv-ciclo-de-conferencias-sociedade-en-movemento,-redes-sociais-e-participaci%C3%B3n-cidad%C3%A1

Fonte: udc.es