Oficina CEER
 06-06-2013
REFÓRZASE A ALIANZA ENTRE UNIVERSIDADES GALEGAS E PORTUGUESAS PARA ACADAR MAIOR DESENVOLVEMENTO NA EURORREXIÓN

Constituíuse esta semana o Consello Social da Fundación CEER coa participación de axentes do mundo social e cultural.

O padroado da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER) reuniuse esta semana en Santiago para, entre outros asuntos, constituír o seu Consello Social que integra representantes do mundo social e cultural coa fin de fomentar a alianza entre universidades e sociedade e poderes económicos da eurorrexión. A súa creación redundará ademais nun maior impulso á transferencia do I+D universitario á sociedade e á integración no tecido empresarial.

Conforman este novo órgano polo de agora Luís Braga da Cruz, da Fundação de Serralves; Manuel Rodríguez, do Grupo Rodman; José Manuel Maceira Blanco, da Confederación de Empresarios de Galicia; Demetrio Fernández López, do Consello Galego de Relacións Laborais; e Ramón Tojeiro, do Grupo Gadisa.

Novo pulo á Fundación
Na xuntanza do padroado, á que acudiron representantes das seis universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal acompañados de empresarios, decidiuse dar un novo pulo á Fundación –que dende hai meses preside o profesor da USC Rubén Lois– que impulse as alianzas institucionais e reforce a idea de que un espazo universitario e investigador eurorrexional si é competitivo.

Neste sentido, a Fundación presentou a convocatorias de proxectos competitivos no ámbito europeo catro iniciativas de interese para o Espazo Atlántico: Fauna Mariña e Lands End desde a USC; Cidades Medias desde UMinho e Plataforma de Emprego no ámbito dos titulados en ciencias do mar e similares, desde UVigo. Tamén se presentou unha candidatura aos Proxectos TEMPUS de colaboración universitaria con países veciños da UE, liderada pola Escola de Enfermagem da Universidade do Minho e apoiada pola súa homóloga de Santiago, e outra ao 7º Programa Marco da UE liderada desde a UMinho e con participación de todas as universidades do CEER sobre a creación dunha Plataforma e-learning.

Por último, entre as accións para este ano definiuse a organización de tres xornadas académicas eurorrexionais dedicadas ao I+D universitario, ao espazo galego-luso de cooperación cultural e á preparación dun Plan de Indicativo de Desenvolvemento da Eurorrexión e outro de Innovación e Investigación.

Fonte: Gabinete de Comunicación da USC