ABERTA A INSCRICIÓN PARA A SEGUNDA EDICIÓN DO CURSO EN LIÑA SOBRE FINANCIAMENTO DE EMPRESAS DE BASE TECNOLÓXICA
A USC organizará do 21 de xuño ao 7 de xullo a segunda edición do curso en liña "Financiamento de Empresas de Base Tecnolóxica" dirixido a emprendedores/as de proxectos tecnolóxicos de carácter innovador, persoal técnico que realice asesoramento nas Oficinas de Transferencia de Resultados de Investigación, así como a todas aquelas persoas que vexan nestas empresas unha ferramenta de axuda para desenvolver o seu negocio.
O curso ten unha carga lectiva de 40 horas e impartirao David Calvo Mallón, formado no eido da banca e as finanzas e con experiencia profesional no mundo financeiro e a xestión empresarial, particularmente como analista de inversións e con experiencia directiva nunha compañía de telecomunicacións. As persoas interesadas poderán inscribirse ata o próximo 18 de xuño. Poden atopar máis información na web http://www.uniemprende.es/formacion/FEBT/index-galego.html ou solicitala a través do correo electrónico uniemprende@usc.es e do teléfono 881 815 563.
Esta acción formativa analizará as características e problemáticas das empresas de base tecnolóxica nas súas fases iniciais, ademais de adentrarse nos contidos principais dun plan de empresa e o seu enfoque como ferramenta para a obtención de financiamento e amosar as distintas alternativas de financiamento existente con especial atención ao capital risco, características e mecanismos de actuación.
Fonte: xornal.usc.es