Oficina CEER
 12-06-2013
NOVAS FORMAS DE VER E ENTENDER O CINE

Beli Martínez, coordina El Observatorio 2013 na S8 4ª Mostra de Cinema Periférico da Coruña.

Varios expertos debaten os días 7 e 8 sobre os cambios na crítica cinematográfica.

No seu libro Historie(s) du cinéma Godard escribe “Un pensamento que forma unha forma que pensa”, unha frase que pasou á historia do cinema e unha afirmación que nesta ocasión toma prestada a profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Beli Martínez para explicar o éxito e aceptación dun novo modelo de crítica cinematográfica baseado no auxe das novas tecnoloxías. Este venres día 7 e o sábado día 8, a Fundación Novacaixagalicia da Coruña acollerá dúas mesas de debate na que participarán expertos e críticos de toda España baixo a atenta mirada de Martínez. Licenciada en Comunicación Audiovisual e en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo, Martínez ten traballado como produtora en diferentes longametraxes en Galicia como, Arraianos dirixida por Eloy Enciso ou Vikingland de Xurxo Chirro, premiados en diferentes festivais internacionais. Na actualidade, compaxina a produción audiovisual coa docencia na Universidade de Vigo onde imparte as materias de Teoría e técnica do documental e Produción de ficción e onde desenvolve a súa tese arredor do cine de non ficción en Galicia. A profesora coordina El Observatorio, unha sección divulgativa que se enmarca na S8 4ª Mostra de Cinema Periférico que organiza a Asociación Cultural eSe8.

Esta proposta de El Observatorio trata de achegar a práctica crítica a todos os axentes do sector audiovisual como produtores, programadores, realizadores ou os estudantes das áreas de comunicación, literatura e historia. Para iso, achegaranse ata a cidade herculina recoñecidos críticos e blogueiros como Jordi Costa (El País, Fotogramas, La Vanguardia), Ricardo Adalia (Rayo Verde, contrapicado.net, Desistfilm), Covadonga G. Lahera (Transit: Cine y otros desvíos, Contrapicado, Miradas de Cine) e Miguel Blanco (Lumière, A Cuarta Parede, Tempos Novos, Sensacine).

Debate entre expertos
Na mañá do venres 7, entre as 10.00 e as 14.00 horas, o director de programación da Filmoteca Galega e colaborador na revista Caimán Cuadernos de Cine, Jaime Peña, moderará unha mesa redonda na que Costa, Adalia, Lahera e Blanco abordarán temas como o panorama da crítica cienematográfica tradicional, as transformacións ante a aparición de novos espazos e foros de discusión, a cinefilia ou a democratización do discurso crítico.

A Fundación Novacaixagalicia será o escenario elixido novamente para que o sábado día 8, entre as 11.00 e as 13.30 horas, a profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Beli Martínez marque as regras de xogo nun novo debate entre este grupo de expertos. Cun marcado carácter práctico, esta sesión centrarase nas diferentes modalidades que existen, partindo da enunciación ou a busca de marcas autorais, transitando polos diferentes niveis de creación e de análise crítico para chegar ao ensaio cinematográfico como discurso que reflexiona arredor da imaxe e configura á súa vez unha nova obra audiovisual.

4ª Mostra de Cinema Periférico
A cuarta edición da Mostra de Cinema Periférico botou a andar este mércores con Marie-Hélène e Lawrence Lehérissey Méliès, descendentes do mítico cineasta Georges Méliès, así como con Ben Russell, Ben Rivers e Lois Patiño como protagonistas da primeira xornada de actividades. Este evento leva a Coruña un concepto único no panorama do noso país, que se olla no espello de imprescindíbeis citas mundiais como Róterdan, Oberhausen, Ann Arbor, Media City, ou Images Festival (Toronto), 25 FPS (Zagreb), a Viennale, Courtisane ou Vila do Conde, situando á cidade herculina no mapa da creación cinematográfica.

Fonte: duvi.uvigo.es