A Universidade da Coruña ofrecerá o vindeiro curso docencia en inglés, español e galego nos graos de Química, Bioloxía, Enxeñaría Naval e Oceánica e Administración e Dirección de Empresas (ADE), segundo presentou esta mañá a vicerreitora de Relacións Internacionais e Cooperación, Natalia Álvarez.
O obxectivo deste plan de internacionalización da Universidade da Coruña, que comezou o ano pasado con ADE, é mellorar as competencias profesionais que terán os alumnos con este proceso lingüístico que suporá vantaxes á hora da inserción laboral e atraer alumnos estranxeiros aos campus da Coruña e Ferrol, como explicou a vicerreitora de Relacións Internacionais.
No caso das titulacións de Química e Bioloxía, os alumnos poderán escoller diversas materias de diferentes cursos que se impartirán en inglés, que suporá o 30% dos créditos en total. Isto faise así, explicou o decano da Facultade de Ciencias, Moisés Canle, para cubrir tamén a demanda de alumnos estranxeiros do programa Erasmus Mundus que veñen estudar en varios cursos diferentes. A titulación de Enxeñaría Naval e Oceánica (grao que se implantará por primeira vez no próximo curso como resultado da fusión de dous: Enxeñaría de Propulsión e Servizos do Buque e Arquitectura Naval), ofertará un grupo en primeiro curso no que os alumnos terán o 50% dos créditos en inglés e preto do 60% no terceiro curso (plan antigo). Alberto Ramil, director da Escola Politécnica Superior, en que se imparte Enxeñaría Naval e Oceánica, comentou que se tomou esta decisión motivada pola alta demanda dos enxeñeiros navais dentro e fóra de España que utilizan o inglés como lingua de traballo. “Ésta é unha profesión moi demandada, como corrobora que hai pouco estiveron na escola representantes dun estaleiro de Holanda en busca de enxeñeiros para traballar en Hispanoamérica e que terían como lingua de traballo o inglés”, dixo, engadindo que “tamén para os que traballan aquí fáiselles necesario pola internacionalización da súa profesión.
No que atinxe a ADE, o próximo ano implantarán a docencia en inglés en segundo curso no 60% dos créditos, despois da boa experiencia deste ano en que se impartiron as clases en inglés no 40% dos créditos do primeiro curso. “Dar materias en inglés abre as portas ás universidades inglesas e americanas e iso é fundamental porque moitos dos contidos que explicamos na facultade teñen a súa orixe no mundo anglosaxón”, xustificou o decano da Facultade de Economía e Empresa, Anxo Calvo. Este curso vixente empezaron cun grupo de 18 alumnos aos que se sumaron vinte Erasmus “co que conseguimos un ambiente internacional nas clases moi proveitoso para os alumnos”, dixo Calvo. Os resultados académicos, engadiu, foron mellor do esperado, xa que tiveron un rendemento académico “sensiblemente superior”. O decano resumiu en tres os principais logros para a Facultade de Economía e Empresa deste plan de internacionalización da Universidade da Coruña. En primeiro lugar, a Facultade posicionouse cunha oferta diferente en termos de calidade; en segundo lugar, os alumnos teñen un rendemento académico superior e, finalmente, consolidan a oferta de primeiro curso e aumentan ao segundo curso, xa que visto o éxito da iniciativa, outros profesores se animaron a incorporarse ao plan.
Precisamente, aos profesores dedicoulles a vicerreitora palabras de agradecemento pola súa implicación e esforzo para acadar a internacionalización da Universidade. Segundo explicou Natalia Álvarez ofrecéuselles apoio con clases de inglés e outros beneficios docentes. A vicerreitora lembrou que ademais destes graos en inglés, a Universidade da Coruña ofreceu docencia neste idioma este curso no Mestrado en Enxeñaría da Auga (ETS de Camiños, Canais e Portos) coa Hochschule Magdeburg-Stendal (Alemaña) e implantarase o vindeiro ano o Mestrado en Materiais Complexos: Análise Térmica e Reoloxía (Escola Politécnica Superior) coa Université de Paris VII-Denis Diderot, con clases tamén en inglés.
Os alumnos que queiran cursar estes estudos teñen que preinscribirse nos grupos de docencia en inglés cando fagan a matrícula e acreditar un nivel de inglés certificado B-2 ou superar unha proba específica de idioma que se fai en colaboración coa Facultade de Filoloxía.
Fonte: udc.es