Oficina CEER
 25-06-2013
POR TERCEIRO ANO CONSECUTIVO, O PROGRAMA "CAMIÑO AO GAIÁS" VOLVE Á CIDADE DA CULTURA

A Fundación USC Deportiva, por terceiro ano consecutivo, organiza o programa ‘Camiño ao Gaiás’ que consiste nun roteiro dende o casco histórico de Santiago de Compostela ata a Cidade da Cultura. Esta actividade desenvolverase durante os meses de xullo, agosto e setembro todos os mércores de cada semana. Para poder participar, unicamente é necesario inscribirse a través da páxina web da Fundación. Nesta edición, como novidade, as persoas que se inscriban visitarán ao chegar á Cidade da Cultura a exposición "Orinoco. Viaxe a un mundo perdido", aberta ao público recentemente. Como en edicións anteriores o programa será gratuíto e o único requisito será facer a inscrición.

O percorrido comeza ás 17.20 horas na Praza Cervantes con dirección á Rúa das Casas Reais, seguindo ao revés a entrada na Cidade do Camiño Francés, de xeito que haberá ocasión de observar a Igrexa das Ánimas, o Pazo de Fondevila e a Igrexa de Santa María do Camiño. O grupo proseguirá cara á Ruela da Tafona para entrar no parque de Belvís e baixar cara o Sar, dende onde iniciar o ascenso final ao monte Gaiás pola calzada de Sar. O regreso a Compostela farase de xeito individual para que cada visitante poida dispoñer do tempo que precise para visitar a Cidade da Cultura. En total percorreranse 4 km de lonxitude, aproximadamente. O persoal da Fundación USC Deportiva informará dos diferentes xeitos de regresar a Compostela e rutas para facelo.

As persoas interesadas poden acadar máis información na web da Fundación USC Deportiva ou no teléfono 881.975.399.

Fonte: xornal.usc.es