Pistoletazo de saída á primeira incubadora de empresas do sector aeroespacial.
O lanzamento do BALLOON-XAT 002 inaugurou o congreso de transferencia de tecnoloxía en Zona Franca.
5400 millóns de euros ao ano e 31.000 empregos para persoal altamente cualificado. As cifras da industria espacial europea non deixan lugar a dúbidas: na estratosfera está o futuro. Para camiñar nesa dirección inaugurouse este xoves o congreso A transferencia de tecnoloxía do espazo, unha oportunidade para as empresas, unha xuntanza entre representantes das administracións, do eido da investigación e do tecido empresarial que serve de pistoletazo de saída da Spain Business Aerospace Incubator (SBAI), o primeiro viveiro de empresas orientado á transferencia de tecnoloxía do espazo que verá a luz antes de finais de 2015 nun dos parques industriais promovidos por Zona Franca.
Unha incubadora na que terá especial protagonismo a Universidade de Vigo, cunha liña estratéxica centrada no impulso da investigación aeroespacial. "Fumos a primeira universidade española en poñer en órbita un satélite que aínda está emitindo, en novembro lanzaremos HumsatD e o vindeiro ano o satélite máis pequeno do mundo. Iso non só puxo o nome de Vigo no mundo, senón que axudou a que saíran novas iniciativas e a que o talento derivara en novas empresas tecnolóxicas que serán as que estreen o viveiro", salientou o reitor, Salustiano Mato.
Probando as baterías do satélite máis pequeno do mundo
Nada máis simbólico que o lanzamento dun globo estratosférico para dar comezo a unha "nova etapa" que levará á cidade de Vigo a entender o espazo como unha fonte de ideas para desenvolver actividades que potencien a economía da rexión. Coas instalacións de Zona Franca como pista de despegue, o grupo de Enxeñaría Mecánica e Automoción (CIMA) da Universidade de Vigo soltou o BALLOON-XAT 002, o segundo dos cinco previstos para probar distintos sistemas, dispositivos e materiais que se empregarán logo no FemtoXat. "Neste lanzamento ensaiase o comportamento dunhas baterías especiais de litio-ion, aínda que a valixa levará tamén levará sensores térmicos, de presión, de aceleración da gravidade, acelerómetros, xiróstropos...", segundo explicou José Antonio Vilán, vicerreitor de Transferencia do Coñecemento e director do grupo.
Nesta ocasión os ollos estarán postos non só na carga útil da caixa, senón tamén no recubrimento, unha manta térmica MLI similar á que leva os satélites tradicionais "que serve de protección de cara ao sol e fai que a temperatura sexa máis estable", asegurou Gabriel García, integrante xunto a Miguel López, Pablo Yáñez e Jacob López do equipo responsable do globo. A 28.000 metros de altura, algo menos da que alcanzan os satélites, os investigadores analizarán o comportamento da carga útil en situación de case valeiro absoluto e pasando por zonas nas que a temperatura descende a -60 graos centígrados. Os seguintes lanzamentos "iranse complicando pouco a pouco" ata conseguir que todo esté listo para o que pretende ser o satélite máis pequeno do mundo.
Coa terceira revolución industrial ás portas
Durante dous días, investigadores e responsables de pequenas e medianas empresas abordarán posibles vías de colaboración nun congreso organizado pola Fundación INCYDE e o Consorcio da Zona Franca de Vigo e financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Unha busca "de iniciativas e solucións que melloren a competitividade do noso tecido produtivo en tempos tan complicados". "Hoxe é un día importante para Vigo, unha cidade que sempre mirou cara o mar e hoxe eleva a súa mirada cara as estrelas que sempre a guiaron na súa navegación", salientou Teresa Pedrosa, delegada do Goberno da Zona Franca de Vigo, para quen a rexión conta "cuns sólidos cimentos sobre os que construír os pilares do que nos fará máis competitivos. Falo de talento, de innovación, de converternos en produtos de excelencia que nos permitan competir en mercados globais, nunha realidade máis complexa na que é imposible asumir retos en solitario".
A posta en marcha da primeira incubadora nacional centrada no sector aeroespacial será "unha proba de lume, un antes e un despois", como salientou o director general da Fundación INCYDE, Javier Collado, nun momento no que a produtividade está moi ligada á era tecnolóxica. "Ás portas do que xa se denomina terceira revolución industrial, a saída da crise pasa pola introdución das tecnoloxías na industria, novas aplicacións que están desdibuxando os límites entre os sectores clásicos", subliñou Samuel Juárez, delegado do Goberno en Galicia durante o acto inaugural.
Respaldo de numerosas autoridades
Unha saída da crise a través da "innovación, o emprendemento e a colaboración entre Administracións e tecido empresarial da man da Universidade de Vigo" na que insistiron tanto David Regades, concelleiro de Fomento e Transporte de Vigo, como Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia. Numerosas autoridades quixeron arroupar a Zona Franca, Fundación INCYDE e Universidade neste primeiro paso, como Antonio Coello, subdelegado do Goberno en Pontevedra; María José Bravo Bosch, delegada territorial da Xunta en Vigo; Ignacio López-Chaves, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo; Javier Bas, alcalde de Redondela; José Enrique Sotelo, rexidor de Cangas; Xosé Crespo, alcalde de Lalín, ou Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo.
Este congreso servirá para pór de relieve como as actividades espaciais teñen unha incidencia directa na vida cotiá dos cidadáns, cunha realidade na que hai 30.000 aplicacións que dependen de tecnoloxías espaciais para a organización do transporte, o incremento da eficiencia en agricultura e pesca ou a mellora da seguridade. Xunto á conferencia do astronauta Ulrich Walter, encargado da conferencia inaugural, os participantes debaterán durante dúas xornadas sobre as oportunidades de negocio da tecnoloxía aeroespacial aber para as pemes poñendo varios casos de éxito como exemplo. Ademais, na xornada final tres obradoiros servirán para analizar as claves para emprender con éxito este tipo de negocios.
Fonte: duvi.uvigo.es