Oficina CEER
 04-07-2013
INVESTIGADORES DA UDC PARTICIPAN NUN PROXECTO EUROPEO DE RECURSOS MARIÑOS

O Grupo de Investigación en Recursos Mariños e Pesquerías da Universidade da Coruña participa no singular proxecto de investigación GAP2, financiado polo Sétimo Programa Marco da Unión Europea e que ten como un dos seus obxectivos principais pechar a fenda existente na xestión dos recursos pesqueiros entre os políticos, os xestores e os usuarios, e traballar xuntos no reto do desenvolvemento sustentable dos recursos mariños de xeito que os pescadores manteñan o seu medio de subsistencia e se garanta o bo estado dos bancos das diferentes especies. A metodoloxía deste proxecto integrado por once países baséase en aplicar os diferentes tipos de coñecemento no ámbito da ciencia e a experiencia acumulada polos propios usuarios á xestión da pesca e o medio mariño. Os grupos de investigación participantes, que agrupa a países como Francia, Reino Unido, Dinamarca, Noruega, Suecia, Italia ou Holanda, están a desenvolver 13 casos de estudo, partindo do experto coñecemento dos propios pescadores e outros sectores vinculados ao medio mariño.

No caso de Galicia, o Grupo de Investigación en Recursos Mariños e Pesquerías da UDC está liderando o proxecto de mapeo de hábitats e zonas de pesca nos ecosistemas costeiros que desenvolve en colaboración coa Federación Galega de Confrarías de Pescadores e as Confrarías de Pescadores de Aguiño, Cambados e Ribeira. O proxecto consiste na elaboración de cartografías de hábitats e de especies, mediante a recompilación do coñecemento ecolóxico tradicional dos pescadores, para ser usadas como ferramentas básicas de xestión. Ademais están desenvolvendo un monitoreo das flotas destas confrarías mediante tecnoloxías GPS e log-books para analizar a distribución espacial das súas capturas e esforzo. Os resultados deste estudo poranse a disposición da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, co obxectivo de que a información obtida resulte de utilidade para mellorar a súa autoxestión e para actuar en múltiples frontes, desde a elaboración de plans de xestión ata informes técnicos, propostas para os xestores ou resolución de conflitos.

Este estudo constitúe a segunda fase do proxecto GAP, no que se partiu da colaboración concreta coa Confraría de Aguiño, que agrupa a 300 pescadores e mariscadoras na ría de Arousa, e que conta cunha flota diversificada que abrangue especies como sardiña, centolo, sepia, polbo, nécora, camarón, percebe, ameixa, navalla, ourizo, e distintas artes de pesca e extracción, polo que resulta moi representativo do modelo de pesca existente en Galicia. Na segunda fase do proxecto o estudo ampliouse para incluír a toda a flota da zona, incluídos os buques doutras confrarías, o que permitirá mellorar a caracterización dos hábitats e recursos pesqueiros, a definición das zonas sometidas a maior esforzo de pesca, a identificación das zonas de pesca en relación coa calidade e a produtividade e a asignación dun valor económico a cada caladoiro.

O proxecto GAP2
O proxecto GAP2 “Bridging the gap between science, stakeholders and policy makers” está liderado polo Centre for Environment, Fisheries and Aquaculture Science (CEFAS) do Reino Unido, e o seu coordinador principal é o doutor Steven Mackinson. Trátase da segunda fase do proxecto GAP, que se creou para combinar os coñecementos e habilidades de científicos e pescadores para mellorar a comprensión e a xestión pesqueira e do medio ambiente mariño, partindo da participación activa e a aprendizaxe mutua. O obxectivo é dar resposta ás deficiencias existentes nos modelos actuais de xestión pesqueira, tendo en conta o mal estado das poboacións de peixes en Europa debido á pesca excesiva e algunhas malas prácticas como os descartes. A xestión pesqueira centralizada, tradicionalmente baseada na ciencia biolóxica formal, ocupouse case exclusivamente do estado de saúde dos recursos pesqueiros nunha visión unilateralista que non é compartida polas comunidades que dependen da extracción dos recursos mariños e tampouco por outros usuarios interesados no benestar a longo prazo dos ecosistemas mariños. Ademais, os actuais sistemas de xestión son pouco receptivos aos condicionantes sociais locais, ata o punto de que os propios pescadores esfórzanse por chamar a atención sobre a longa historia de incentivos á pesca que finalmente resultaron moi prexudiciais.

O equipo do GAP2 constatou que tanto os políticos como os científicos teñen un gran interese en acadar unha xestión sustentable dos recursos mariños, pero a importancia de salvagardar a futura riqueza das pesquerías debe tamén ser apreciada pola industria pesqueira. Por este motivo o proxecto GAP2 parte da necesidade de traballar a diferentes niveis, especialmente en política, mellorando ao mesmo tempo o medio de vida dos pescadores.

O Grupo de Investigación en Recursos Mariños e Pesquerías O Grupo de Investigación en Recursos Mariños e Pesquerías adscríbese ao departamento de Bioloxía Animal, Bioloxía Vexetal e Ecoloxía da Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña. As súas principais liñas de investigación abranguen desde as estratexias vitais e dinámica poboacional de organismos mariños, a avaliación de stocks e sistemas de xestión de pesquerías mariñas, a xestión integrada e a análise espacial de ecosistemas costeiros. O coordinador do grupo é Ramón Muíño, que coordina tamén o caso de estudo no proxecto GAP2, no que participan tamén Pablo Pita, Inmaculada Álvarez e Duarte Fernández-Vidal.

Fonte: udc.es