Oficina CEER
 05-07-2013
TUNISIA BUSCA EN GALICIA EXEMPLOS DE CONSORCIOS DE I+D+I

17 vicerreitores e xestores tunisianos visitan o campus da man da OTRI da Universidade.

No marco do proxecto europeo Tempus – Osmose, coordinado pola Universidade de Burdeos.

Unha delegación composta por 17 representantes de universidades tunisianas visita esta semana Galicia co obxectivo de coñecer de preto diferentes modelos de estruturas públicas- privadas de xestión da I+D+i . Guiados polo persoal da Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación, OTRI, da Universidade de Vigo tiveron xa a oportunidade coñecer iniciativas como o clúster do téxtil, do automóbil, o agroalimentario e o das tecnoloxías TIC, ao que se achegaron da man da súa xerente, Rosa Méndez, que nun encontro mantido en Cidade Tecnolóxica de Vigo, Citexvi, lles explicou polo miúdo como xurdiu esta iniciativa e como foi a súa evolución dende que se creou no ano 2006.

A visita, que ven precedida dunha actividade similar celebrada en febreiro e á que asisten sobre todo vicerreitores de Investigación e Transferencia e xestores de I+D+i, encádrase no marco do proxecto europeo Tempus – Osmose (Ouverture Structurée université MOnde Socio-Economique), un programa liderado pola Universidade de Burdeos e no que participa a Universidade de Vigo. O obxectivo: apoiar e fomentar as relacións empresa- universidade e trasladar boas prácticas a universidades de varios países do Magreb : tres alxerinas, cinco tunesinas e oito marroquís, ademais dunha asociación industrial tamén de Marrocos.

Se ben hoxe xoves centrarán toda a súa axenda en Vigo e arredores, mañá venres desprazaranse a Santiago para coñecer máis de preto iniciativas como o programa Uniemprende e o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) da Universidade de Santiago de Compostela.

Promoción das relacións universidade-empresa
Dentro deste proxecto a liña de traballo coordinada pola Universidade de Vigo céntrase na promoción das relacións universidade-empresa, así como na creación de consorcios nos que se unan estes dous tipos de socios. As outras liñas de traballo deste proxecto internacional céntranse noutros aspectos desta relación entre as institucións académicas e as empresariais. Por unha banda teñen como obxectivo o eido comunicativo, mediante a posta en marcha de accións que permitan ás institucións e aos seus grupos de investigación dar a coñecer o seu I+D+i entre o sector empresarial. Outra das liñas estratéxicas baséase en promover as oportunidades de realizar práctica pre-profesionais entre o alumnado universitario e a súa inserción laboral a través de estancias e proxectos titorizados que se adaptan ao mundo socioeconómico. Finalmente, o outro obxectivo do proxecto Osmose é fomentar a relación entre o estudantado de posgrao e o tecido socio-económico, mediante a posta en marcha de doutoramentos que dean resposta ás necesidades empresariais e complementando a súa formación en materia de valorización de resultados de investigación a través da propiedade industrial, a creación de empresas, etc.

Fonte: duvi.uvigo.es