Oficina CEER
 10-07-2013
“MIL RÍOS”, MIL XEITOS DE COÑECER A PAISAXE GALEGA FOTOGRAFÍA A FOTOGRAFÍA

O profesor de Belas Artes Manuel Sendón é un dos promotores desta exposición aínda inconclusa.

O Umia é o protagonista das 31 imaxes que este mércores se presentan na Casa da Calzada de Cambados.

Galicia é o país dos mil ríos. Así define o profesor da Facultade de Belas Artes Manuel Sendón un territorio cheo de contrastes e paisaxes únicas no que a montaña, o mar e os propios ríos son, por si sós, elementos definitorios do lugar. Co obxectivo de recuperar o coñecemento directo dalgúns destes espazos, Sendón e o artista Fran Herbello percorreron, cámara en man, máis de 20 ríos galegos subidos nunha piragua amarela coa única axuda dun GPS. O resultado das súas expedicións é a exposición Mil Ríos que este mércores, ás 20.00 horas, se presenta na Casa da Calzada de Cambados. Nesta ocasión, este edificio, que tamén alberga a Oficina de Turismo, acollerá as 31 fotografías que ambos artistas realizaron no seu percorrido polo río Umia en novembro de 2012 e en xuño deste mesmo ano.

“Cando comezamos só pensabamos na experiencia. Máis tarde foi xurdindo o interese por rexistrar os percorridos e investigar as posibilidades que podían ter eses rexistros”, asegura Manuel Sendón. No pasado, as expedicións, as viaxes ou mesmo as excursións constituían, segundo defende o propio profesor, o único xeito de achegarse ao territorio. “Un coñecemento directo que quedaba plasmado nos escritos e mapas da época”. Na actualidade, o avance das tecnoloxías da información e da comunicación provocou que esa experiencia fose substituída en primeiro lugar pola fotografía, logo polo cinema e a televisión e, xa nos últimos tempos, pola internet. “Pode dicirse que hoxe en día o coñecemento do territorio é fundamentalmente indirecto. Non podemos tocar nin sentir o que vemos”, destaca o docente de Belas Artes.

Un blog e un caderno de bitácora

Dende hai un par de semanas, outra parte desta exposición, correspondente ás expedicións realizadas polos dous artistas no río Verdugo están abertas ao público no Museo do Mar de Vigo ata o vindeiro 6 de setembro. A maiores, tanto Sendón como Herbello teñen un blog no que ademais de poder ver as fotografías de todas as viaxes realizadas ata o de agora, tamén se lle pode botar un ollo ao seu caderno de bitácora, uns textos nos que ambos contan dun xeito moi natural como foi cada unha destas expedicións facendo fincapé nas súas vivencias persoais.

Un proxecto aínda por rematar

O mes de setembro é data prevista para que tanto Manuel Sendón como Fran Herbello retomen as súas expedicións. Segundo comenta o profesor aínda lles queda pendente realizar os percorridos polos ríos Eu, Masma, Eume, Lérez ou o río Grande de Muxía entre outros. Ambos artistas contan con ter rematado este proxecto a finais de ano despois de realizaren 31 viaxes en piragua. Ata o de agora, no seu espazo web só se pode acceder a 16 das 21 expedicións que xa teñen realizado. Está previsto que nas vindeiras semanas se inclúan esas cinco novas rutas.

A escolma de fotografías do río Umia poderá visitarse na Casa da Calzada de Cambados ata o vindeiro 30 de setembro. A sala estará aberta ao público de luns a venres dende as 10.00 horas ata as 14.00 horas, en horario de mañá, e xa pola tarde dende as 17.00 horas ata as 20.00 horas. Nas fins de semana e días festivos o horario de mañá será de 10.30 horas ata as 14.00 horas e pola tardes o local permanecerá aberto entre as 17.00 horas e as 20.00 horas.

Fonte: duvi.uvigo.es