Oficina CEER
 17-07-2013
LA UDC ACOGIÓ UNA SESIÓN SOBRE AYUDAS A LA INNOVACIÓN DE LA XUNTA

O vicerreitor de Investigación e Transferencia, Ricardo Cao, abriu esta mañá no Paraninfo da Universidade da Coruña unha sesión informativa da Axencia Galega de Innovación, GAIN, na que se explicaron as novas convocatorias de axudas á innovación para empresas e centros de coñecemento.

Xunto co vicerreitor estaba presente Pilar Morgade, directora da área de Innovación e Competitividade da Xunta de Galicia; o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla; e a técnica da Consellería de Economía e Industria Cristina Blanco. A xornada tiña como obxectivo explicar a empresarios e investigadores as liñas de axudas e as novas propostas para impulsar a innovación e o desenvolvemento económico que se van poñer en marcha desde a Xunta de Galicia, segundo explicou Morgade, e ás que poderán concorrer as empresas e os centros de coñecemento. En liñas xerais, os instrumentos de apoio á innovación para novas empresas son o Fondo Xes-Innova para proxectos de emprendemento en etapas iniciais e o Fondo de investimento I2C de apoio a proxectos innovadores a través de préstamos participativos. Para novas empresas e pemes poñerase en marcha unha rede de captación e aceleración de negocios con alto potencial de rendemento, ademais dun plan Talent para axudar a contratación de xestores de innovación e outro de Bonos de innovación, que son incentivos para axentes que xeren e promovan proxectos.

Dentro do programa Conecta Pemes veranse beneficiados de forma indirecta os centros de coñecemento (centros tecnolóxicos e universidades) porque se apoiarán os proxectos de I+D que se realicen de forma conxunta e que teñan un mínimo do 15% de contratación en centros de coñecemento. Tamén para pemes está a liña Innoempresa, para proxectos de innovación. Pilar Morgade explicou tamén o programa FEDER-INTERCONECTA que está destinado a pemes, grandes empresas e centros de coñecemento. A directora de Innovación adiantou que hoxe mesmo saíu publicada a resolución provisional da última convocatoria, financiada polo Ministerio e a Xunta con 75 millóns de euros, e que está destinado a proxectos de I+D de alto impacto. Morgade dixo que se presentaran 119 proxectos dos que foron admitidos 99 e, finalmente, obtiveron subvención 79 deles cunha mobilización de capital de 152,8 millóns de euros entre axuda pública e aporte privado, sendo a media de subvención por cada proxecto de dous millóns de euros. A directora de Innovación deu ademais os datos de participación que ascenderon a 292 empresas, das que o 69% son pemes, e 281 grupos de investigación.

A falta de coñecer os datos detallados, a Universidade da Coruña presentou a esta convocatoria un total de 33 proxectos por un importe global de sete millóns de euros para desenvolver iniciativas de innovación e desenvolvemento con empresas da área metropolitana da Coruña, o que supoñía preto do 30% das propostas de I+D presentadas en Galicia. Tal e como estipulaba na convocatoria, as solicitudes tiñan que ser consorciadas con empresas, polo que a Universidade da Coruña asinou ao efecto 79 contratos de I+D con 64 empresas galegas. Nestes contratos participaron un total de 21 grupos de investigación da Universidade da Coruña destacando os ámbitos das tecnoloxías da información e a comunicación e as enxeñarías.

Outras liñas abertas pola Axencia Galega de Innovación, ou que abrirán en breve, son os programas de investimentos innovadores e o programa de fomento da propiedade intelectual. Especificamente para os centros de coñecemento, GAIN porá en marcha para apoiar a actividade innovadora con impacto directo na competitividade empresarial os contratos-programa para centros tecnolóxicos, cunha dotación de 2,3 millóns de euros, e os contratos-programa para outros centros de coñecemento, con 2,2 millóns de euros. Así mesmo, apoiará a adquisición de infraestruturas de I+D+i con 14,5 millóns de euros nos centros tecnolóxicos; proxectos singulares de entidades públicas para transferencia de coñecemento ao mercado, cun fondo europeo de 20 millóns de euros, e destinará 950.000 euros para estadías de investigadores no estranxeiro. A sesión informativa, que tivo lugar esta mañá no Paraninfo, foi a primeira dunha serie de reunións organizadas pola Axencia Galega de Innovación cos representantes empresariais e dos centros de coñecemento que se desenvolverán nos próximos días en diversas cidades de Galicia. Á reunión convocada hoxe na Reitoría asistiron preto de 80 empresarios e investigadores da Universidade da Coruña.

Fonte: udc.es