Oficina CEER
 23-07-2013
ALUMNOS DE LA ETSAC (UDC) ESTUDIARÁN URBANISMO DE LA CAPITAL DE ARMENIA

A Universidade da Coruña porá en marcha o vindeiro curso un programa de internacionalización de alumnos da Escola Técnica Superior de Arquitectura, que acudirán a un taller intensivo de Proxectos á Universidade Técnica de Arquitectura e Construción de Erevan, Armenia, segundo explicou esta mañá o director do departamento de Proxectos Arquitectónicos e Urbanismo, Felipe Peña, promotor do convenio coa universidade armenia.

No transcurso do segundo cuadrimestre un grupo de seis a oito alumnos de Proxectos V e VI acudirán á universidade armenia a un taller intensivo no que se estudará e se farán propostas de mellora dun barrio constructivista dos anos 30. Esta estadía forma parte do convenio asinado polo reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, e a escola de Arquitectura de Erevan que implica ademais da estadía de alumnos da UDC no país asiático, a colaboración entre docentes en temas de investigación na liña de traballo denominada Proxecto Arquitectura e cidade. “Trátase dun primeiro paso básico para establecer unha relación cunha escola de arquitectura dun país moi lonxe xeograficamente, está no centro de Asia, pero moi próximo culturalmente e nos aspectos arquitectónicos e urbanísticos”, explicou Felipe Peña.

O profesor da Escola de Arquitectura da Universidade da Coruña promove tamén un programa de internacionalización de alumnos, o Programa Iacobus, que leva xa 18 cursos funcionando con moito éxito. Mediante este programa alumnos da UDC comparten estadías de traballo con alumnos franceses, Clermont Ferrand, e alemáns, Regensburg. Na edición deste curso, os 60 participantes da UDC do Iacobus, xunto cos alumnos franceses e alemáns, traballaron na posta en valor do pazo de dona Urraca na cidade de Lugo. Este proxecto será presentado en Armenia o vindeiro ano como un exemplo de colaboración entre escolas de Arquitectura de diversos países, xa que se pretende que a este convenio co país asiático se sumen tamén outras universidades, avanzou hoxe Felipe Peña. Na presentación desta mañá do convenio de colaboración entre a Universidade da Coruña e a de Erevan, estaba presente ademais do profesor e do reitor, a subdirectora da Escola de Arquitectura, Amparo Casares.

Fonte: udc.es