Oficina CEER
 24-07-2013
A USC, LÍDER MUNDIAL EN PROGRAMAS ERASMUS MUNDUS

A concesión de dous novos programas Erasmus Mundus na convocatoria competitiva ordinaria dese ano converte á USC na universidade europea que coordina o maior número de programas vixentes. Na actual convocatoria, a USC acadou dous novos proxectos, un con universidades de Oriente Próximo, PEACE 2, continuación do proxecto concedido o ano pasado, e outro con universidades da India, EUPHRATES.

O importe concedido entre os dous programas ascende a 6 millóns de euros, dos que a meirande parte irá para bolsas de estudantes de terceiros países que veñan a estudar ás institucións europeas do consorcio de universidades que preparou o programa. A universidade coordinadora sempre é a que lidera a atracción de estudantes por esta vía. Erasmus Mundus estrutúrase, fundamentalmente, en dúas accións. A acción 1 é para programas de máster e doutoramento interuniversitarios, mentres que a acción 2 é para mobilidade en xeral, sen estar vinculada a unha titulación concreta. Neste último ámbito é no que a USC lidera este virtual ránking europeo.

Estes programas conceden bolsas altamente dotadas para estudantes de países non europeos, que poden vir a estudar a Europa por períodos de un a tres anos. As bolsas son a competencia ao programa Fulbright dos Estados Unidos. As solicitudes, aínda que lideradas por unha universidade europea (a de Santiago neste caso), preséntanas consorcios de universidades europeas e non europeas. As institucións educativas non europeas deben pertencer a rexións ou grupos de países determinados na convocatoria. Para solicitar algún destes programas, as universidades europeas deben deseñar consorcios perfilados e programas de acción e mobilidade concretos e de calidade que son avaliados pola Unión Europea segundo criterios de calidade moi estritos. O proceso é altamente competitivo, pois de máis de 200 solicitudes só se concederon 62 programas.

Como explica o vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización da USC, Víctor Millet, o interese dos programas Erasmus Mundus é múltiple xa que, ademais dun instrumento importante para a proxección da USC no mundo, son unha ferramenta de internacionalización da universidade. En definitiva, engade Millet, son mesmo un índice de internacionalizade e de cooperación internacional, unha tarxeta de visita da USC no mundo.

Fonte: xornal.usc.es