Oficina CEER
 24-07-2013
AS MULLERES RURAIS GALEGAS APENAS SE RELACIONARON COA SECCIÓN FEMININA

A investigadora Victoria Martins é a autora do primeiro traballo sobre a muller e a falanxe en Galicia.

O estudo céntrase no caso concreto da localidade de Ponteareas e, en xeral, na bisbarra do Condado.

A relación das mulleres galegas, sobre todo, as rurais, coa Sección Feminina, a organización destinada polo Réxime Franquista á formación das mulleres, foi un mero trámite, e a implicación limitouse ao que marcaba a obrigación e a necesidade. Estas son algunhas das conclusións que describe a investigadora Victoria Martins no volume A regresión franquista. A muller durante o primeiro franquismo. Sección Feminina en Ponteareas (1936-1955), unha obra editada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo e na que a autora nos achega ao papel xogado por esta organización falanxista durante o primeiro franquismo, “cando se produce un corte de raíz coas transformacións de gran calado protagonizadas pola República e coas que se camiñaba cara unha sociedade máis xusta e igualitaria”, subliña a autora.

Mentres noutros territorios peninsulares se mantiña a legalidade republicana, en Galicia triunfaba o golpe militar franquista e con el impúxose unha nova legalidade que contaba cun corpo específico deseñado para as mulleres, lembra Victoria Martins, que explica que a nova legalidade imposta, tanto a nivel civil, como laboral, educativo… botou atrás as reformas levadas a cabo pola República e recolocaba á muller novamente no espazo do fogar, “pechando a porta e tirando a chave”, recalcou a historiadora. As duras normas legais e morais, “enraizadas na máis rancia tradición católica”, converteron á muller no que a autora denomina “unha especie de menor de idade avanzada”, sen capacidade de decisión, e entregada ao servizo dos demais, “dos maridos, dos fillos, dos pais, carecendo dunha vida e dun destino propios”.

Tras esta descrición do punto de partida, Victoria Martins recalca que se ben a Sección Feminina foi quen de manterse durante todo o período franquista grazas a apropiación que fixo de determinadas actividades dentro da formación regrada e do Servizo Social, en Galicia as mulleres só recorreron a ela á procura de axuda material en caso dunha carencia absoluta de recursos; pola necesidade de cumprir con obrigas inescusables como o propio Servizo Social ou “simplemente pola necesidade de sobrevivir sen enfrontarse ao poder establecido”, subliña a autora.

Análise do caso concreto de Ponteareas
Tras repasar os aspectos fundamentais da ideoloxía e do sistema organizativo da Sección Feminina, a investigadora serviuse do caso concreto da localidade de Ponteareas para realizar a análise das súas actividades, estruturándoas en varios apartados: a Guerra Civil e a posguerra; o Auxilio Social, e o labor de formación social e cultural a través do ensino, do Servizo Social e das actividades de propaganda.

Trátase, a xuízo da autora, de situar a muller pontareá no seu contexto espacial e cronolóxico, nun período que resulta de “gran transcendencia” para a historia das mulleres, intentando establecer cales son os principais elementos a ter en conta para a análise da poboación feminina, para coñecer a evolución do seu pensamento, das súas actitudes e da propia sociedade respecto do rol a desempeñar pola muller no marco da sociedade galega e española da primeira metade do século XX.

Traballo sobranceiro
O traballo lembra como a Sección Feminina centrou a súa actividade na formación da muller segundo o seu ideario e en actividades de beneficencia. “Aínda que este labor supuxo unha lexitimación da desigualdade social, ten pasado á historia como un conxunto de actos de boa vontade”, subliña a investigadora, que incide tamén no feito de que o peso da historiografía herdada do franquismo, conformista coa ancestral desigualdade de xénero e escasamente crítica co papel destinado ás mulleres na historia e na sociedade, tivo como resultado certa transixencia co labor realizado por organizacións como a Sección Feminina ou como a Igrexa Católica, tanto na conformación como na permanencia da inferioridade social feminina.

O volume asinado pola historiadora viguesa é sobranceiro por dúas características que a autora considera “singulares e importantes”: a dificultade documental e, sobre todo, a escaseza de referencia doutros estudos sobre a Sección Feminina no ámbito galego.

Fonte: duvi.uvigo.es