Oficina CEER
 30-07-2013
ESTE MÉRCORES O ‘CAMIÑO AO GAIÁS’ VOLVE Á CIDADE DA CULTURA

O programa ‘Camiño ao Gaiás’, roteiro que se desenvolve dende o casco histórico de Compostela ata a Cidade da Cultura, organiza este mércores 31 a quinta e última ruta do mes de xullo, para a que aínda quenda prazas dispoñibles. Esta é unha actividade que por terceiro ano consecutivo organiza a Fundación USC Deportiva e que seguirá desenvolvéndose os meses de agosto e setembro todos os mércores de cada semana. Para poder participar, unicamente é necesario inscribirse a través da páxina web da Fundación. Nesta edición, como novidade, as persoas que se inscriban visitarán ao chegar á Cidade da Cultura a exposición ‘Orinoco. Viaxe a un mundo perdido’, aberta ao público recentemente. Como en edicións anteriores o programa será gratuíto e o único requisito será facer a inscrición. O percorrido comeza ás 17.20 horas na Praza Cervantes con dirección á Rúa das Casas Reais, seguindo ao revés a entrada na Cidade do Camiño Francés, de xeito que haberá ocasión de observar a Igrexa das Ánimas, o Pazo de Fondevila e a Igrexa de Santa María do Camiño. O grupo proseguirá cara á Ruela da Tafona para entrar no parque de Belvís e baixar cara o Sar, dende onde iniciar o ascenso final ao monte Gaiás pola calzada de Sar. O regreso a Compostela farase de xeito individual para que cada visitante poida dispoñer do tempo que precise para visitar a Cidade da Cultura. En total percorreranse 4 km de lonxitude, aproximadamente. O persoal da Fundación USC Deportiva informará dos diferentes xeitos de regresar a Compostela e rutas para facelo. As persoas interesadas poden acadar máis información na web da Fundación USC Deportiva ou no teléfono 881.975.399. Fonte: xornal.usc.es