Supón a clasificación directa para a edición de 2014.
Os de Pablo García xogaron a final de consolación ao non poder derrotar aos Grandes Mestres do Ajo Blanco estremeño.
Excelente resultado deportivo e excelente imaxe do Universidade de Vigo de xadrez, que conseguiu clasificar por primeira vez para as semifinais do Campionato Nacional de Primeira División a un equipo sen Grandes Mestres nas súas filas. Un “orgullo” para o deporte galego e en especial para a cidade de Vigo, aínda que faltou a guinda do pastel e os de Pablo García acabaron cuartos na clasificación tras xogar a final de consolación co Stadium Casablanca aragonés.
A un paso de cumprir os seus soños
O Universidade de Vigo estivo a piques de cumprir o seu soño e dar a sorpresa máis grande na historia do xadrez nacional ao enfrontarse ao Ajo Blanco, o equipo favorito, xa que contaba cun cuarteto titular formado por Grandes Mestres internacionais de sona mundial e primeiras espadas dos equipos olímpicos dos seus países. A un paso estiveron de conseguilo: a derrota por 2.5 a 1.5 ante os estremeños nunha final de infarto apeou aos de Pablo García da loita polo título e levounos a disputar a final de consolación.
Tan só 11 horas despois de ese esixente encontro semifinal e cos xogadores de ambos equipos esgotados, comezaba o encontro entre o Universidade de Vigo e o Stadium Casablanca, marcado por partidas sen apenas riscos que remataron nun empate a 2. As táboas levaron aos equipos ao desempate na modalidade de partidas rápidas, apenas 15 minutos por xogador que deixan pouco máis que en mans do azar o desenlace final. Aínda que por momentos semellaba que os de Vigo conseguirían levar o gato á auga, o xogo trocou nos últimos minutos e o terceiro posto foi para os aragoneses.
En definitiva, un cuarto posto para a Universidade de Vigo que supón a clasificación directa para o Campionato de España de Primeira División que se celebrará en 2014 e que permitirá aos de Pablo García xogar un ano máis na elite do xadrez nacional.
Fonte: duvi.uvigo.es