Oficina CEER
 03-09-2013
O PROXECTO ARQUEOLÓXICO DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA VIAXA A MADRID

O Proxecto Arqueolóxico Medio Éufrates Sirio, PAMES, dirixido polo profesor da Facultade de Humanidades e Documentación da Universidade da Coruña José Luis Montero Fenollós, estará presente a partir do día 9 de setembro na Delegación da Xunta en Madrid / Casa de Galicia coa exposición fotográfica “De Uruk a Asiria. Arqueología gallega en la cuna de la civilización”.

A mostra, tras percorrer varias cidades galegas (Ferrol, Vigo, Ourense, etc.) chega a Madrid co obxectivo de dar a coñecer ao gran público as principais aportacións deste proxecto da Universidade da Coruña, único dentro do sistema universitario español, sobre as primeiras civilizacións urbanas que habitaron o val do Éufrates sirio, a antiga Mesopotamia. Os traballos de campo están paralizados debido á guerra que actualmente asola Siria, que ademais de xerar unha grave crise humanitaria está arrasando o patrimonio cultural do país árabe.

A exposición está formada por 24 fotografías de gran formato e un audiovisual do fotógrafo ferrolán Eloy Taboada nas que se amosan diversos aspectos da investigación dos arqueólogos da UDC ás beiras do río Éufrates entre 2008 e 2011. Esta mostra foi posible grazas ao patrocinio da Universidade da Coruña e do Concello de Ferrol.

Colaboración co Museo do Louvre
Por outro lado, o Departamento de Antigüidades Orientais do Museo do Louvre solicitou ao PAMES a súa colaboración no estudo de diversa documentación arqueolóxica procedente da antiga cidade de Mari, Siria, que formará parte da exposición que en xaneiro de 2014 se inaugurará no Instituto do Mundo Árabe de París. A mostra está organizada para conmemorar o 80 aniversario do descubrimento pola arqueoloxía francesa desta antiga metrópoli fundada cara o 2900 a. de C. no Medio Éufrates e para denunciar os saqueos que está a sufrir por parte dos traficantes de antigüidades.

Fonte: udc.es