Oficina CEER
 03-09-2013
REMATAN AS ACTIVIDADES DO VERÁN ASTRONÓMICO DA CIDADE DA CULTURA DA MAN DO OBSERVATORIO DA USC

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC rematará este mes de setembro, os días 6 e 13, o programa estival de actividades de astronomía para todos os públicos que se celebra na Cidade da Cultura de Galicia por cuarto ano consecutivo. Ao longo dos tres meses do verán desenvolvéronse sesións de observación nocturna para aprender a recoñecer constelacións a simple vista e mesmo observar, a través de telescopios, a Lúa, planetas, estrelas dobres, cúmulos estelares ou nebulosas.

A oferta inclúe tamén dous obradoiros, un sobre manexo e características dos telescopios –x a celebrado– e outro sobre bólidos e meteoritos a desenvolver o próximo día 6. Utilizando imaxes obtidas dende o Observatorio Astronómico Ramón María Aller, quen decida apuntarse no obradoiro coñecerá o efecto bólido: a entrada na atmosfera dunha pedra cósmica e a posible chegada de parte desta ao chan, ou sexa, de meteoritos. Amosaranse algúns meteoritos de diferentes tipos e darase conta de toda a metodoloxía utilizada polos investigadores para tratar de buscalos unha vez que se teña observado un bólido próximo. As persoas interesadas deberán de apuntarse en cada actividade a través da páxina web da Cidade da Cultura de Galicia.

Fonte: xornal.usc.es