Oficina CEER
 04-09-2013
A VENDA DE ACTIVOS DE CRÉDITO NON ESTÁ DETRÁS DO DECLIVE DE CAIXANOVA E CAIXA GALICIA

A tese de Luz Garrido defende que se empregaron as titulacións para atenuar as caídas de liquidez tras a crise.

A investigadora comparou a situación das caixas galegas coas nacionais de maior tamaño, La Caixa e Caja Madrid.

As titulacións non foron a causa dos problemas financeiros das caixas de aforro galegas, senón unha das súas consecuencia. Esa é a principal conclusión do estudo realizado por Luz Garrido na súa tese de doutoramento, na que analizou as vendas de activos ou dereitos de crédito das antigas Caixanova e Caixa Galicia nos anos anteriores ao proceso de reestruturación e ás que comparou coas caixas máis relevantes e de maior tamaño a nivel nacional nese momento, La Caixa e Caja Madrid. “Foi unha fonte de financiamento coa que atenuar as fortes caídas de liquidez sufridas polas entidades. A maioría empregou as súas propias titulacións para contar con activos de garantía cos que acceder ao financiamento dos bancos centrais”, explica Garrido.

As caixas, as máis débiles

As titulacións son consideradas polos expertos como unha das innovacións máis importantes da enxeñaría financeira dos últimos anos. Trátase dun proceso no que unha entidade acredora vende a outra activos ou dereitos de crédito para que os agrupe e emita bonos que serán adquiridos preferentemente por inversores institucionais. Os seus principais beneficios son, ademais da transferencia de riscos, “a liberación de capital regulador, a mellora dos indicadores de solvencia, o incremento da rendabilidade, a obtención de financiamento e dispoñibilidade de liquidez”.

É precisamente o feito de que as caixas recorreran a esta operación de xeito tan reiterado o que levou a Garrido a analizar a titulación como produto estruturado e as súas principais aplicacións na contorna das entidades de crédito. “A crise económica puido ter as súas causas na pouca calidade dos activos financeiros e nos seus procesos de titulación, o que levaría aparellado unha perda de solvencia e capitalización das entidades bancarias”, salienta a investigadora.

En España a este problema houbo que sumarlle a burbulla inmobiliaria, o que agravou a situación e produciu “un proceso de reestruturación bancaria na que as entidades máis débiles foron as caixas de aforro debido ao seu sistema de gobernanza e pola súa dificultade para acceder ao mercado de capitais”.

Caixanova, a que maior liquidez tiña

Tras análises estatísticos de correlación e gráficos biplot do período que abarca entre os anos 2000 e 2010, Garrido pode salientar que as titulacións “non foron as causantes principais da situación na que se atopan na actualidade as caixas reconvertidas”. Para iso a investigadora analizou as emisións de bonos de titulación hipotecaria, pioneiras en España e que teñen como garantía participacións hipotecarias; de titulación de activos, avalados por calquera tipo de dereito de crédito; e de cédulas multicedentes, emitidas a través dun fondo formado por distintas entidades.

O resultado da investigación deixa en moi boa posición á caixa de aforros viguesa: Caixanova era a que contaba co maior grao de liquidez nos primeiros anos da mostra, pero desembocou “nunha posición desfavorable acentuada co comezo da crise financeira e a súa posterior fusión con Caixa Galicia”. Mentres, a entidade coruñesa e Caja Madrid xa viñan arrastrando “unha situación de deterioro importante nos seus indicadores de liquidez e rendabilidade”, algo que só puido agravarse coa chegada da crise económica, que as situou como “as caixas en peor estado respecto a capitalización, risco, rendabilidade…”. Só La Caixa aguantou o tirón, destacando por “valores equilibrados na maior parte das variables estudadas”.

Fonte: duvi.uvigo.es