Oficina CEER
 11-09-2013
A UDC INICIA O NOVO CURSO CON IMPORTANTES NOVIDADES

O pasado venres quedou inaugurado o curso universitario 2013/2014 coa apertura oficial conxunta do Sistema Universitario Galego que tivo lugar na Universidade de Santiago de Compostela. O tres reitores, Juan Casares, de Santiago, Xosé Luís Armesto, da Coruña, e Salustiano Mato, de Vigo, oficializaron o inicio do novo curso xunto co conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, e coa ausencia do presidente da Xunta de Galicia. As clases, segundo o calendario académico, comezan hoxe para o alumnado do nivel de Grao mentres que as actividades académicas para o estudantado matriculado en titulacións non adaptadas ao Espazo Europeo de Educación Superior comezarán o vindeiro 23 de setembro. Unha das principais novidades deste curso é a ampliación da docencia en inglés de un grao a catro logo do éxito que supuxo a posta en marcha desta iniciativa o ano pasado. Así, ademais de impartirse en Administración e Dirección de Empresas (ADE) ofreceranse clases en inglés, español e galego nos graos de Química, Bioloxía e Enxeñaría Naval e Oceánica. En Química e Bioloxía impartiranse en inglés o 30% dos créditos totais. En Enxeñaría Naval e Oceánica serán o 50% dos créditos do primeiro curso de Grao e o 60% no terceiro curso no plan antigo. No que respecta a ADE, daranse o 40% dos créditos en inglés en primeiro e o 60% en segundo curso. Ademais, a internacionalización repercutiu tamén nos mestrados coa oferta do Mestrado en Materiais Complexos: Análise Térmica e Reoloxía, da Escola Politécnica Superior, que se oferta conxuntamente coa Université Paris VII-Denis Diderot, e que se suma ao que se imparte na ETS de Camiños, Canais e Portos, o Mestrado en Enxeñaría da Auga coa Hochschule Magdeburg-Stendal (Alemaña). Bolsas de estudos de Inditex Dentro do ámbito internacional, este curso ademais, ofreceranse por primeira vez bolsas de estudos aos alumnos de doutoramento para que poidan realizar estadías en universidades estranxeiras. Estas bolsas están financiadas pola empresa Inditex, logo de que o seu presidente, Pablo Isla, e o reitor, Xosé Luís Armesto, asinasen no mes de xullo un convenio polo cal a multinacional aportará 100.000 euros anuais. Ademais, como anunciou o pasado mes de xuño o reitor, Xosé Luís Armesto, este curso poñerase en marcha o Fondo Social dotado con 115.000 euros. Este Fondo Social inclúe medidas económicas e académicas co obxectivo de facilitar o acceso e a continuidade do o alumnado universitario. En concreto, as medidas son as seguintes: • Axudas á matrícula do estudantado en situación económica desfavorable. Esta convocatoria, que se abrirá no mes de setembro, está dotada con 100.000 euros e teranse en conta para a súa adxudicación criterios económicos e tamén académicos. • Continuidade da convocatoria de Axudas para o estudantado en situación económica sobrevida, dotada con 15.000 euros. Esta axuda estará aberta ao longo de todo o curso e poderán solicitala aqueles estudantes que, nun momento dado, teñan unha situación de urxencia que lles impida abonar a matrícula. Como na anterior, os requisitos serán económicos e académicos. • Fraccionamento dos pagos de matrícula. A Universidade da Coruña puxo en marcha este curso a ampliación dos prazos de abono da matrícula a catro, pero para o vindeiro curso se ofrecerá esta opción tamén a aqueles alumnos aos que o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte lles denegue a concesión da bolsa de estudos, xa que no curso pasado en canto se resolvía negativamente, o alumnado ten que facer un pago único. • Norma de desistencia. A Universidade da Coruña redactou unha norma de desistencia para que non se penalice academicamente ao alumnado que ten que abandonar os seus estudos. Deste xeito, se no futuro decide retomalos terá un expediente limpo no que non constarán as materias como non presentadas. • Axudas para o desprazamento de alumnado para a realización das prácticas curriculares obrigatorias. Esta partida establecerá uns parámetros espaciais para cuantificar as axudas que percibirá cada estudante. A Universidade da Coruña destina do seu orzamento, cifrado en 119,6 millóns de euros este ano, 1,5 millóns de euros en axudas ao estudantado. Finalmente, este curso 2013/2014 lembrarase pola posta en marcha da primeira residencia pública universitaria da Universidade da Coruña, logo de que se acordase a cesión temporal á universidade do Centro Soutomaior por parte do Concello de Ferrol e as consellerías de Sanidade e Traballo e Benestar. A residencia, localizada na rúa Sánchez Barcaiztegui en Ferrol ofrece un total de 22 prazas, 16 delas en habitacións individuais, unha delas habilitada para persoas con mobilidade reducida, e seis en habitacións dobres.