Oficina CEER
 18-09-2013
O REITOR DEU A BENVIDA A 275 ESTUDANTES ESTRANXEIROS Á UDC

O reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, recibiu esta mañá no Paraninfo da Reitoría aos 275 estudantes estranxeiros que cursarán estudos nos campus da Coruña e Ferrol durante este semestre. Se ben o número global descende un pouco con respecto ao ano pasado, en que viñeron 285, houbo un aumento considerable no número de alumnos do programa Erasmus, xa que a baixada tivo que ver cos cambios de criterio do programa Ciencias sen Fronteiras de Brasil que o ano pasado trouxo ás aulas coruñesas a 73 estudantes e este ano baixou a dez. Este descenso débese a que o programa brasileiro cambiou o destino dos países aos que se dirixían os seus alumnos primando, agora, os de fala anglosaxona.

Segundo explicou a vicerreitora de Relacións Internacionais e Cooperación, Natalia Álvarez, este curso destaca ademais polo aumento de estudantes foráneos nas titulacións da Universidade da Coruña en que se imparten aulas en inglés. Así, dixo, na Facultade de Economía e Empresa pasaron de 31 a 53 este curso, ou na de Ciencias de 14 a 22 alumnos. Outro dos grupos destacables pertencen ao programa Tempo Erasmus Mundus con países do leste de Europa que suman máis de doce estudantes.

Por países, os que aportan máis estudantes á Universidade da Coruña son Italia, Alemaña, Polonia, México, Francia, Romanía, República Checa e Estados Unidos, mentres que as titulacións máis atractivas para estes alumnos son Filoloxía, ADE, Arquitectura, Dereito, Química, Bioloxía, Ciencias da Actividade Física e do Deporte e Socioloxía. Por campus, a maioría estudará nos coruñeses xa que só unha decena deles estarán no campus de Ferrol.

No que respecta aos alumnos da Universidade da Coruña que estudarán fóra do seu país neste primeiro semestre, a cifra descendeu de 527 o curso pasado a 485 este curso. Os países escollidos polos nosos estudantes son Italia, Portugal, Polonia, Romanía e Brasil, principalmente e son de titulacións como Arquitectura, Ciencias da Actividade Física e do Deporte, as enxeñarías da Escola de Camiños, Canais e Portos, Economía, Ciencias Empresariais e Filoloxía.

No acto de benvida aos novos alumnos, o reitor destacou a “oportunidade excepcional que supón para un estudante cursar os seus estudos fóra da propia universidade e do país, noutra cultura, noutro contorno e noutras linguas”. “A mobilidade estudantil internacional é unha fórmula moi útil para o intercambio cultural e o respecto mutuo e favorece o entendemento entre os pobos e as culturas”, definiu Armesto. Xunto co reitor e a vicerreitora de Relacións Internacionais, no acto desta mañá estaban presentes a vicerreitora de Estudantes, Deportes e Cultura, María José Martínez, e o secretario Xeral, Carlos Amoedo.

Fonte: udc.es