Oficina CEER
 10-01-2008
A Universidade e o Servizo Público de Emprego Noruegués establecen acordos de colaboración

A Universidade de Vigo mantivo hoxe un primeiro contacto co Servizo Público de Emprego Noruegués (NAV), co propósito de establecer acordos en materia de emprego e mobilidade de estudantes. Grazas á xestión da delegación provincial da Consellaría de Traballo, a conselleira EURES do NAV, Eli Skaug, reuniuse co vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, e a conselleira EURES da Universidade de Vigo, Emilia Seoane, xunto ao propio delegado provincial, Pedro Borrajo, co fin de expor as motivacións da súa viaxe: a captación de enxeñeiros.

Unha comitiva composta por técnicos do NAV desprazouse a Vigo na procura de persoal cualificado para as empresas deste estado. Segundo explicou Eli Skaug, o déficit de poboación, así como o feito de contar soamente con catro universidades, provoca que Noruega padeza unha importante carencia destes traballadores, polo cal vense obrigados a buscalo por toda Europa. “As nosas empresas van precisar 10.000 profesionais nos próximos cinco anos cunha formación próxima á enxeñería industrial”, sentenciou Skaug.

Neste contexto, o vicerreitor de Relacións Institucionais e a técnica do NAV acordaron pór en contacto á Universidade de Vigo con dúas universidades norueguesas, de xeito que os estudantes da universidade viguesa poderían comezar a desenvolver no país nórdico os seus proxectos de fin de carreira. “En termos absolutos somos a universidade galega con maior mobilidade de alumnos, razón polo cal esta iniciativa terá unha grande acollida”, expuxo Area. As universidades de Høgskolen i Telemark e Høgskolen i Agder poderían converterse noutra oportunidade de intercambio con institucións de educación superior europeas, se ben, segundo explicou o vicerreitor, “será preciso achegar os plans de estudos das titulacións da Universidade de Vigo, que poderían resultar de grande interese para a industria norueguesa”.

Forumemprego Universitario 2008

Ante o convite realizado polo vicerreitor de Relacións Institucionais para que os técnicos do NAV participasen no Forumemprego Universitario 2008, Eli Skaug confirmou o seu interese por utilizar este evento como xeito de achegamento aos futuros egresados. Pola súa banda, a conselleira EURES da Universidade de Vigo, Emilia Seoane, expuxo a Eli Skaug a “importante oportunidade” que supón para a sociedade norueguesa este encontro sobre orientación laboral, dirixido a estudantes e egresados.

Organizado no marco das actividades de EURES Transfronteirizo Galicia - Norte de Portugal, do que é parceira a Universidade de Vigo e que foi presidido ata o pasado mes de marzo polo propio Pedro Borrajo, o Forumemprego Universitario reunirá en febreiro de 2008 a “máis de 1.000 alumnos de últimos cursos e titulados”, engadiu Emilia Seoane. Ao mesmo tempo, a conselleira EURES explicou o axeitado papel que ocuparán os representantes de Noruega neste foro, no que a mobilidade internacional posúe sempre un peso fundamental.