Oficina CEER
 20-09-2013
A FIN DO MUNDO A TRAVÉS DO CINEMA

O ciclo ‘Outros Mundos, outras sociedades?’ presenta sete filmes na Casa das Campás.

Tres conferencias completan un programa gratuíto aberto tanto á comunidade universitaria coma ao público en xeral.

Hai case trinta anos, George Orwell presentáballe ao mundo a súa novela 1984, un texto de ficción distópica, no que un omnipresente Gran Irmán controlaba un a un a todos os habitantes de Londres. Esta sociedade orweliana, caracterizada por un sistema de goberno totalitario comparte, segundo moitos estudosos do cinema contemporáneo, certas semellanzas coa sociedade actual. A través do ciclo Outros mundos, outras sociedades? Suso Novás, colaborador habitual da Vicerreitoría do campus á hora de organizar a súa programación cultural e deportiva, pretende amosarlle de xeito totalmente gratuíto á comunidade universitaria e ao público en xeral como os filmes, bebendo da literatura, “reflicten modelos de organización social de tendencia idealista ou utopista e tamén o reverso tenebroso do idealismo pola vía dos relatos antiutopistas ou distópicos”. Un férreo control do suxeito, a total ausencia de esquemas organizativos, o retorno ás estruturas primixenias ou a supervivencia post-apocalíptica son algúns dos fíos condutores das sete películas que se proxectarán durante os meses de setembro, outubro e novembro ao abeiro deste ciclo na Casa das Campás.

Tamén toman peso nesta quinta edición do ciclo de cinema “aquelas obras que propugnan emendas radicais ao propio devir da historia da humanidade convocadas pola pertinente e mordaz imaxinación dalgunhas das mellores narracións ucrónicas”, explica Novás. Hipotéticas, futuristas, improbables ou simplemente fantasiosas, estas historias xiran ao redor dun mesmo eido temático “ a existencia humana e a (dis)capacidade dos individuos para xestionar a súa convivencia en aras dun mellor porvir”, engade o responsable do ciclo Outros Mundos, outras sociedades?

Ao longo da súa historia, o cinema amosou un especial interese polos universos alternativos, en concreto, por aqueles que (re)presentan unha alteridade radical respecto aos modelos máis comúns de organización social, relata Suso Novás. De feito, “se revisamos os case 120 anos de historia do medio comprobamos a relevancia desa vertente temática e/ou argumental tanto dende un punto de vista produtivo como dende unha óptica estético-discursiva; unha situación que se amplifica significativamente se temos en conta as inxentes achegas da ficción televisiva”, comenta. A maiores, Novás incide en que a maior parte dos filmes inscritos nesta corrente “son froito de transcricións audiovisuais de sendos referentes literarios, vinculados aos xéneros fantástico, científico, futurístico e alegórico de fonda tendencia humanista”.

The Road de John Hillcoat, a primeira proxección Unha película dirixida por John Hillcoat, The Road, será a encargada de abrir este ciclo de cinema este venres 20 de setembro ás 19.00 horas na sala de conferencias da Casa das Campás. Este filme do ano 2009 relata as vivencias dun pai e mais dun fillo que tentan sobrevivir logo dunha apocalipse. Os días 4, 11 e 18 de outubro proxectaranse outras tres películas Mundo futuro de William Camerom, O Bosque de M. Night Shyamalan e Naves misteriosas de Douglas Trumbull. O primeiro destes filmes, datado do ano 1936, presenta unha sociedade utópica onde as forzas da orde destrúen calquera intento a través da tecnoloxía. A segunda das propostas é máis recente, data do ano 2004, e “xoga co medo dos habitantes dunha pequena aldea situado no medio dun bosque que non abandonan o lugar por medo a seren atacados por uns estraños seres”, explica Novás. Na terceira película do mes, do ano 1973, un operario pasará por alto a autoridade dos seus superiores para facer o que el cree que é correcto: salvar o ecosistema.

O 15, 22 e 29 de novembro proxetarense as tres últimas películas deste ciclo de cinema. Zombies Party: unha noite de morte (Edgar Wright, 2004) porá o toque humorístico presentándolle ao espectador dous tipos de apocalipse: a ruptura sentimental dunha parella e a invasión zombi nun formato que auna a comedia británica aceda e a comedia romántica americana, salienta Suso Novás. The Warriors: os amos da noite (Walter Hill, 1979) recupera o cinema propio da década nos anos 80 e centra o seu argumento na supervivencia de varias bandas urbanas logo da destrución da cidade de Nova York. A última das películas deste ciclo, Ultimato á Terra, data do ano 1951 e foi dirixida por Robert Wise. O filme amosa como un extraterrestre e o presidente dos EEUU deben chegar a unha acordo antes de que os alieníxenas destrúan o planeta.

Tres relatorios completan a oferta
O presidente do Consello de Redacción de Caimán Cuadernos de Cine Xosé Manuel López será o primeiro en visitar a Casa das Campás para impartir unha conferencia, o venres 27 de setembro ás 19.00 horas, ao redor da apocalipse. A segunda quenda é para o propio coordinador do ciclo de cine Suso Novás quen, o martes 8 de outubro, se achegará aos conceptos de coñecemento e disidencia. O profesor da Universidade de Vigo Alberto Ruíz de Samaniego será o último en presentar a súa visión máis persoal sobre a película 2001: unha Odisea do espazo.

Fonte: duvi.uvigo.es