Oficina CEER
 24-09-2013
O CENTRO NACIONAL DE XENOTIPADO ORGANIZA EN SANTIAGO UNHA XORNADA SOBRE TECNOLOXÍAS

O Centro Nacional de Xenotipado - Instituto Carlos III (CeGen-ISCIII) organiza este venres 27 no Aulario Novoa Santos da USC (a carón do CHUS) a súa xornada anual na que, baixo o título ‘ Tecnoloxías de Xenotipado e Investigación’, participarán nove investigadores e investigadoras de distintos centros, estatais e internacionais, que mostrarán os estudos realizados coas distintas plataformas do CeGen-ISCIII e os resultados obtidos.

Entre ese grupo de especialistas que intervirán no encontro figuran Jordi Surralles, do Departamento de xenética e microbioloxía da Universidade Autónoma de Barcelona; Lluís Montoliu, do Centro Nacional de Biotecnoloxía; Marina Pollán, do Centro Nacional de Epidemioloxía do Instituto de Saúde Carlos III; ou Iñaki Martín-Subero, do Departamento de anatomía patolóxica, farmacoloxía e microbioloxía da Universidade de Barcelona.

O CeGen-ISCIII
O CeGen-ISCIII, plataforma tecnolóxica creada en 2003, é actualmente unha Estrutura Estable de Investigación Cooperativa do Instituto de Saúde Carlos III. O seu obxectivo é realizar proxectos de xenotipado de alto nivel a grande escala e baixo custe, tanto en humanos como en calquera outra especie animal ou vexetal. Na actualidade, está formado por dous nodos, en Santiago de Compostela e Madrid, dirixidos por Ángel Carracedo e Javier Benítez respectivamente.

A súa actividade investigadora céntrase na busca das bases xenéticas de enfermidades como o cancro de mama, colorrectal, tumores endocrinos, tumores óseos, leucemias, enfermidades cardiolóxicas, oftalmolóxicas, psiquiátricas, do neurodesenvolvemento e neurolóxicas, entre outras. Ademais traballa en temas como a farmacoxenética e farmacoxenómica.

Fonte: xornal.usc.es