Oficina CEER
 26-09-2013
A CRUSOE, RECOÑECIDA COMO GRUPO DE TRABALLO DE I+D

Os gobernos de Castela e León, Galicia e Norte de Portugal escenifican o seu apoio político en Salamanca.

Permitirá á conferencia de reitores crear grupos de investigación de alto nivel.

A Conferencia de Reitores das Universidades do Sudoeste Europeo, CRUSOE, obtivo hoxe o recoñecemento como Grupo de Traballo de I+D por parte dos gobernos das rexións de Castela e León, Galicia e Norte de Portugal agrupadas na macrorexión Resoe. Este apoio que se fixo efectivo no transcurso da reunión celebrada este mércores na Universidade de Salamanca permitirá ás universidades que integran a CRUSOE crear grupos de investigación de alto nivel para concorrer a programas de financiamento competitivo de I+D+i enmarcados no Programa da Comisión Europea Horizonte 2020 que será efectivo en 2015. Foron o presidente de Castela e León, Juan Vicente Herrera; o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e o presidente do Comité de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do norte de Portugal, Emidio Ferreira dos Santos Gomes, os responsables de escenificar este apoio nun acto celebrado no Salón de Pinturas do Colexio de Fonseca da universidade salmantina.

A aprobación dun protocolo de gobernanza interna “que permitirá”, segundo explicou o reitor da Universidade de Salamanca e vicepresidente segundo da CRUSOE, Daniel Hernández, “dotar ao grupo dunha estrutura sólida para desenvolver tanto proxectos de investigación xa en marcha, como os que xeren no futuro”, foi outra das cuestións destacadas que se acordaron na xuntanza celebrada hoxe polos representantes da conferencia de reitores.

Definición de consorcios de investigación antes de fin de ano A definición, antes de que remate o ano, dos consorcios de investigadores que aborden proxectos concretos baseados en sectores económicos estratéxicos existentes en cada unha das rexións, foi outro dos acordos acadados hoxe en Salamanca. “Ao longo deste ano quedarán definidas as pautas que concreten a relación dos investigadores cos proxectos que interesan ás empresas de xeito que poidamos definir os grupos de traballo e así estar en disposición de competir a partir de 2015 cando saían as convocatorias europeas, explicou o reitor da Universidade de Vigo e vicepresidente primeiro da CRUSOE, Salustiano Mato.

Mato destacou que o aspecto innovador da especialización intelixente “será unha condición sine qua non para acceder a financiamento estrutural”polo que os estados membros e rexións da UE deberán establecer estratexias de innovación nacionais e rexionais “antes de que se aproben os programas operativos que respaldan eses investimentos”.

Saúde; sector primario; auga, mar e continente; lingua e patrimonio; enerxía sostible e cooperación interrexional e desenvolvemento, son os seis programas arredor dos que a CRUSOE fixa as súas liñas de innovación. Programa que segundo o presidente do comité executivo da CRUSOE reitor da Universidade de Oporto, Carlos Marques Dos Santos, “serán quen de transferir a I+D xerada nos sectores produtivos das tres rexións”.

Os reitores cifraron en 40 millón de euros a facturación dos contratos de investigación establecidos nos dous últimos anos polas 18 universidades e institutos politécnicos de Castela e León, Galicia e norte de Portugal con empresas.

Fonte: duvi.uvigo.es