Oficina CEER
 27-09-2013
LA UDC PONE 110 BICIS A DISPOSICIÓN DE LA COMUNIDAD UNIVERSITARIA

A Universidade da Coruña pon en marcha de novo o Programa de Préstamo de Bicicletas para este curso, organizado pola Oficina de Medio Ambiente, dependente da Vicerreitoría de Planificación Económica e Infraestruturas, e coa colaboración da Asociación por unha Mobilidade Responsable Mobi-Liza. As persoas interesadas deberán cursar a súa solicitude a través da web antes das 14:00 horas do día 30 de setembro.

O obxectivo desta iniciativa, ao igual que sucedeu nos cursos anteriores, é fomentar o uso da bici como un medio de transporte entre a comunidade universitaria, estudantado, profesorado e persoal de administración e servizos. Terán prioridade as persoas solicitantes que non accederan ao préstamo nas dúas convocatorias anteriores (cursos 2011-2012 e 2012-2013) e a adxudicación das bicicletas farase en función da orde de inscrición, ata esgotar o número máximo dispoñible en cada un dos tamaños. A oferta atinxe nesta convocatoria a unhas 110 unidades, a metade aproximadamente de tamaño grande (28”) e outra metade de tamaño medio (26”).

Os préstamos inclúen o pagamento dunha única taxa de 10 euros para o estudantado ou de 20 euros para o persoal. As instrucións e o prazo para pagamento desta taxa comunicarase ás persoas adxudicatarias xunto coa lista definitiva de solicitudes e adxudicacións.

Máis información:
http://www.udc.es/sociedade/medio_ambiente/bicis/ Na páxina web da Universidade da Coruña hai ademais unha guía de uso da bici como medio de transporte “Somos Tráfico”. Así mesmo, atópase o informe de Avaliación do programa do curso 2011-2012 que amosa, entre outros datos, o grao de satisfación dos usuarios con este servizo. O 95% dos ciclistas que se acolleron a este programa valorárono como positivo ou moi positivo. En xeral, consideran que A Coruña é unha cidade adecuada para o uso da bici aínda que son críticos con respecto á falla de carril bici que conecte os principais núcleos de actividade. En porcentaxes, os usuarios do préstamo de bicis o ano pasado foron nun 81% estudantes; un 12% persoal de administración e servizos, e un 7% profesorado. Deles o 53% eran mulleres e o 47% homes. Por campus, concedéronse o 50% para os usuarios do campus de Elviña, seguido do 37% para A Zapateira, mentres que o resto foi a parar a Oza, Riazor, Bastiagueiro e Ferrol. É de destacar o elevado número de usuarios do campus da Zapateira por ser un campus menos accesible en bicicleta pola forte e longa subida desde Elviña.

Finalmente, hai que salientar que a maioría das bicis foron devoltas en bo estado co deterioro normal polo uso.

Informe completo en :
http://www.udc.es/export/sites/udc/_galeria_down/sociedade/medio_ambiente/bicis/informe20112012.pdf

Fonte: udc.es