Oficina CEER
 13-01-2014
CRIATURAS QUE EMERXEN DOS FONDOS DA BIBLIOTECA

O centro pon en marcha un Recuncho Temático para dinamizar a lectura.

A súa primeira edición está dedicada a bruxas, diaños e outros seres estraños.

Con case 150.000 títulos nos seus fondos, a Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense conta con materiais que poden interesar a calquera tipo de público, desde as persoas que buscan información científica ata os devoradores de literatura. Para valorizar estes recursos e para dinamizar a actividade do centro, o seu persoal vén de pór en marcha unha iniciativa que baixo o título de Recuncho Temático descubrirá aos usuarios libros e material audiovisual que teñen á súa disposición para adentrarse nalgún eido de coñecemento concreto. A súa primeira edición xa está en marcha e leva por título Criaturas, por estar dedicada ás bruxas, aos diaños e a outros seres estraños que poboan o imaxinario.

A idea, explican as súas promotoras, xurdiu porque os fondos, salvo os especializados que están á vista dos usuarios nos estantes das salas, permanecen practicamente ocultos aos lectores, que só os poden ter nas súas mans se especificamente os solicitan. Isto, comentan, provoca que fondos como os de carácter literario ou as obras noutros idiomas non sexan suficientemente coñecidos e consultados. Coa posta en marcha no centro dun espazo propio no que amosar os libros e películas elixidas arredor de diferentes temáticas, o Recuncho irá rotando periodicamente de foco de interese para incentivar a curiosidade dos usuarios da Biblioteca e animalos a ler. Para facelo, ademais de escoller temas atractivos, dedicarán algunha das edicións ás áreas de coñecemento das que o campus de Ourense ten facultade ou escola, co obxectivo de espertar o interese do alumnado doutras disciplinas por temas desas áreas.

O Recuncho Temático xa está habilitado na Biblioteca Rosalía de Castro, á entrada da zona de computadoras de consulta, e na súa primeira edición nel pódese ver unha ampla selección de libros e películas que baixo o denominador común de Criaturas afondan en todo tipo de seres estraños desde diferentes perspectivas, como a ciencia ficción, a antropoloxía, o dereito e a historia. Deste xeito, entre as películas atópanse títulos que van desde La guerra de los mundos e Nosferatu a El silencio de los corderos e El retrato de Dorian Gray. Entre os libros que se poden ver e coller emprestados están obras como A bruxería en Galicia, Cine de terror, Romasanta, Zombie e Hadas, brujas y hombres lobo en la Edad Media.

Fonte: duvi.uvigo.es